Luis López destaca o festival SinSal da illa de San Simón como un exemplo de sustentabilidade na oferta turística das Rías Baixas

O dirixente provincial visitou a illa xunto coa deputada Sandra Bastos para presentar unha nova edición deste festival, integrado na marca Rías Baixas Fest, que terá lugar entre os días 26 e 28 de xullo con concertos e diversas actividades culturais e de ocio

24/07/2024

Luis López na illa de San Simón

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o festival SinSal, englobado na marca Rías Baixas Fest que patrocina o organismo provincial, como un exemplo de sustentabilidade e unha das grandes fortalezas da oferta turística e cultural da provincia ao conxugar, en tres días e nun espazo natural incomparable como a illa de San Simón, concertos de músicos de prestixio nacional e internacional, así como unha variada oferta gastronómica coa sinatura de cociñeiros e restaurantes locais.

O mandatario provincial, acompañado pola deputada Sandra Bastos e membros da organización do festival SinSal, realizou este martes un percorrido pola illa redondelana que serviu para coñecer as distintas ubicacións nas que terán lugar as variadas actividades do programa dun festival que terá lugar entre os días 26 e 28 de xullo e no que, como cada ano, os asistentes non coñecerán o cartel ata desembarcar na illa. Este evento, referencia de sustentabilidade ao ser distinguido no 2019 e 2023 como o festival máis sostible de España nos premios FEST, supón moito máis que tres días de concertos e actividades lúdicas e culturais. Supón unha fonte de riqueza e emprego na contorna da ría de Vigo, un recurso de referencia para captar visitantes e que contribúe a posicionar á provincia no mapa das grandes producións musicais a nivel nacional e internacional.

Antes do comezo do festival, este xoves terá lugar no Porto de Vigo unha actividade previa consistente nunha visita guiada polas instalacións portuarias que rematará coa actuación da banda Ombligo no escenario Océano do festival, ubicado nas propias dependencias portuarias.

O festival SinSal, que celebrou a súa primeira edición no ano 2003, forma parte dos Rías Baixas Fest, unha marca impulsada pola Deputación este mesmo ano para patrocinar cinco festivais que se celebran na provincia. PortAmérica, en Portas, abriu a tempada de festivais de verán; seguiu o Atlantic Fest, en Vilagarcía; e a finais deste mes tomará a remuda na illa de San Simón o festival SinSal. Os outros dos eventos que forman parte desta marca son o SonRías de Bueu e o Revenidas de Vilagarcía.

O presidente da Deputación, Luis López, convida a toda a veciñanza e aos visitantes a asistir a estes festivais para vivir unha experiencia 100 % Rías Baixas.

Galerias de imagenes