Luis López define “Mulleres que Opinan” como un “fenómeno social” que constrúe unha provincia “crítica e activista” para acadar a meta da igualdade

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Igualdade, Sandra Bastos; entregou este luns os premios deste certame ás xornalistas María Piñeiro e Antía Yáñez polos seus artigos “Hablar” e “As leis de Newton”

10/06/2024

O presidente na cerimonia de entrega destes galardóns

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, referiuse este luns ao foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas” como un “fenómeno social” que “pon o foco nos desafíos da igualdade, inclusión, conciliación e educación que como sociedade aínda temos por conseguir e que promove e incentiva unha sociedade crítica e activista, que é o que as comunidades necesitan para acabar coas inxustizas” durante o acto de entrega de premios ás xornalistas María Piñeiro e Antía Yáñez, gañadoras da segunda edición deste certame que complementa a un congreso que leva sete anos traendo a Pontevedra ás mellores xornalistas do país para falar de feminismo e igualdade.

A cerimonia de entrega destes galardóns, dotados cunha contía económica de 1.000 euros, tivo lugar na escalinata exterior do Pazo provincial. Alí, as organizadoras do programa, as xornalistas pontevedresas Susana Pedreira e Díana López Varela, ás que Luis López felicitou pola súa iniciativa, presentaron ás dúas gañadoras dun concurso no que participaron un total de 25 mulleres xornalistas con artigos relacionados cos contidos do congreso As Mulleres que Opinan son perigosas, celebrado na capital da provincia no pasado mes de marzo. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de igualdade Sandra Bastos, o presidente da Deputación, Luis López, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de entregar os galardóns ás triunfadoras.

“Pola sensibilidade coa que María nos anima a alzar a voz cando hai que facelo ou pola valentía de Antía para chamar á resistencia e a combater ese machismo que aínda segue presente nestes tempos” deu Luis López os parabéns ás autoras dos artigos gañadores: “Hablar”, de María Piñeiro; e “As leis de Newton”, de Antía Yáñez. “Noraboa por esa visión profunda e singular das conferencias”, recoñeceu o mandatario provincial. Unha felicitación que o titular do goberno da Deputación quixo estender ás 25 participantes do concurso, ás integrantes do xurado, a todas as xornalistas que teñen formado parte das sete edicións deste congreso e tamén ás organizadoras “pola vosa forza, empeño e dedicación”, confesou López.

Neste sentido, o presidente fixo fincapé en que “a igualdade é unha meta irrenunciable” e que para alcanzala é fundamental “a colaboración entre administracións, como estamos a facer o Concello e a Deputación; e co tecido asociativo, como é o caso de Mulleres que Opinan”. Así mesmo, reafirmou López o compromiso do organismo provincial para “apoiar todas as iniciativas do tecido social da nosa provincia a prol da Igualdade e poñer en marcha tamén numerosas iniciativas para seguir avanzando cara este obxectivo”. 

Galerias de imagenes

audios