Luis López confirma a boa tendencia da desestacionalización turística na provincia ao medrar os viaxeiros rexistrados en xaneiro nun 7,3%

Os datos do Instituto Nacional de Estatística confirman que a provincia de Pontevedra recibe máis do 30% dos visitantes que acudiron a Galicia en xaneiro e que as pernoctacións medraron un 6% con respecto ao mesmo mes do 2024

28/02/2025

Luis López

“Esta provincia aínda non tocou teito” remarcou o presidente da Deputación Luis López ao dar a coñecer os datos turísticos relativos ao mes de xaneiro que poñen en valor que Pontevedra continúa a bater récords. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que constitúen a base de información que emprega a Deputación para os seus informes de turismo, en xaneiro a provincia recibiu un 7,3% máis de viaxeiros que no mesmo mes de 2024 e as pernoctas medraron un 6%. “O turismo é un dos nosos grandes motores económicos, xerador de emprego e dinamismo, e comezar o ano con estas cifras non pode ser máis prometedor para a provincia”, asegurou López quen tamén engadiu que en xaneiro Pontevedra recibiu ao 31% dos visitantes que acudiron a Galicia

No que respecta ao mes de febreiro, e a falta dos datos do INE, a oficina do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, recibiu a preto de 300 visitantes, na súa maioría procedentes do territorio español, principalmente de Madrid e Asturias. Pola súa banda, en canto ao turismo estranxeiro, as persoas que visitaron o Palacete proviñan de Italia, Francia, Portugal ou Reino Unido.

Ademais, neste mes de febreiro os castelos da provincia de Soutomaior e Sobroso recibiron a preto de 1700 visitantes (934 Sobroso e 744 Soutomaior) e as rutas do Camiño de Santiago que atravesan a provincia de Pontevedra foron percorridas por 1090 peregrinos, o que supón un 11% máis que con respecto a febreiro de 2024. “Comezamos así o 2025 con boas noticias para o turismo, e agardamos que esta sexa a liña dos meses que veñen por diante”, asegurou o presidente provincial.

audios