Luis López celebra o éxito do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas: 75 proxectos en 59 concellos que mobilizaron un total de 7 millóns de euros

A Xunta de Goberno provincial aprobou hoxe a última das axudas, de 130.000 €, para que o Concello de Ponteareas remodele o campo de fútbol de San Mateo

13/09/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a última das achegas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que permitirá que o Concello de Ponteareas conte con 130.000 euros para afrontar a fase un das obras de remodelación do campo de fútbol de San Mateo. Con esta última axuda, a institución provincial completa o reparto dos catro millóns de euros deste Plan, que foi, en palabras do presidente provincial, Luis López, "a máxima expresión do que somos como goberno: a Deputación do municipalismo e do deporte, e que tivo un grande éxito entre os concellos". En concreto, financiáronse un total de 75 proxectos dos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que mobilizaron un total de 7 millóns de euros, xa que o orzamento podía completarse con achegas municipais, doutras administracións ou incluso de plans provinciais como o +Provincia.

"Este foi un dos primeiros plans que anunciamos como goberno, que se puxo en marcha por vez primeira este ano e que os concellos acolleron con grande interese – explicou López-. Reafirma, ademais, o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia, que son auténticos templos para os hábitos de vida saudable, o lecer e o talento deportivo". Cada concello recibiu entre case 25.000 e máis de 200.000 euros ao abeiro deste Plan e, en canto ás intervencións realizadas, 32 foron en pavillóns, ximnasios municipais e estadios e pistas polideportivas; 26 en campos de fútbol; 7 en piscinas municipais; outras 7 en pistas de pump track, skatepark e similares; 3 en pistas de pádel, e un concello optou por adquirir bicicletas.

No caso de Ponteareas, a achega aprobada hoxe de máis de 130.000 euros permitirá realizar un saneado do terreo actual do campo de fútbol de San Mateo, executar unha nova rede de drenaxe para a recollida de augas pluviais e outra de rego e preparar as instalacións para o futuro alumeado do terreo.

videos

audios