Luis López asina co alcalde de Pontevedra un investimento de 2 M€ da Deputación para transformar o espazo urbano de Mollavao e da pasarela de 12 de Novembro

O mandatario provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, rubrica dous acordos para a construción dun novo viario entre Rosalía de Castro e a Avenida de Marín e a creación dunha nova área de esparexemento peonil sobre a liña ferroviaria

19/11/2024

Luis López co alcalde de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este martes dous convenios de colaboración co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lorez, a través dos cales o organismo provincial achega un total de dous millóns de euros para o financiamento do 100 % de dous proxectos que transformarán o espazo urbano das zonas de Mollavao e da pasarela 12 de Novembro. A Deputación achega 1,3 millóns de euros para a construción do novo viario de conexión entre a rúa Rosalía de Castro e a Avenida de marín, e 710.000 euros para o acondicionamento dun novo treito de dita pasarela. “Unha nova mostra das pontes que temos tendidas co Concello de Pontevedra está nestes dous convenio que vimos a asinar para seguir avanzando nun modelo de mobilidade urbana e sustentables que tan bos resultados está a dar nesta cidade e no conxunto da provincia”, sinalou o presidente López.

O acto de sinatura destes dous acordos tivo lugar na recentemente inaugurada Casa Consistorial de Pontevedra. Un proxecto que contou tamén coa decisiva colaboración da Deputación de Pontevedra, que achegou 1,6 millóns de euros, para facer posible a recuperación dun inmoble emblemático da cidade. “Unha rehabilitación que é resultado desa alianza entre Concello e Deputación que tantos e tan bos froitos está a dar para a capital da provincia. Un escenario histórico e fermoso que volve ser un punto de encontro e convivencia para a veciñanza e, por suposto, para as administracións”, remarcou o presidente. Nun sentido similar pronunciouse o rexedor pontevedrés, quen amosou a súa “satisfacción” polo “compromiso da Deputacion á hora de colaborar” en proxectos e eventos clave para a cidade.

Con respecto aos convenios asinados, a piques de entrar en fase de licitación está o acondicionamento da pasarela da rúa 12 de Novembro. Un proxecto que servirá para poñer a disposición dos pontevedreses unha superficie de máis de 4.600 metros cadrados nos que se instalará un parque urbano accesible e se recuperará a parte traseira dos edificios da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet integrando unha gran parede vexetal e unha fonte ornamental. Mentres que no barrio de Mollavao a construción deste novo viario ten o obxectivo de desconxestionar e diversificar o tráfico de paso da rúa Rosalía de Castro para derivalo cara a Avenida de Marín, ademais de crear espazos reservados para peóns empregando criterios de seguridade e mobilidade sostible e calmado de tráfico. En concreto, proxéctase una vía de dous carrís con sentido dobre de circulación, de ancho 3,5 metros, beiravías de ancho mínimo 0,30 metros e beirarrúas de tres metros de ancho entre bordos. Ambas as obras deberán estar rematadas antes do comezo do ano 2027.

Impulso a proxectos estratéxicos da man do vicepresidente Rafa Domínguez

Por outro lado, o presidente da Deputación lembrou o amplo número de proxectos e iniciativas nas que o organismo provincial coopera co Concello, como a recuperación de Santa Clara, o novo viario de Montecelo, a organización de eventos deportivos como as World Series de Tríatlon ou o Campionato de Europa de Ciclocross, así como eventos culturais vindeiros como a Bienal de Arte do Museo de Pontevedra ou a acollida dos Premios Feroz. “Agradecemos que o Concello comparta con nós esta lealdade institucional e quero destacar o labor que está a realizar o vicepresidente Rafa Domínguez para impulsar proxectos estratéxicos para a cidade”, declarou o mandatario provincial, que volveu “tender a man da Deputación para seguir colaborando en todo o que sexa posible”, rematou Luis López.

Galerias de imagenes