Luis López adianta ao alcalde de Vila de Cruces a achega de máis de 250.000 euros da Deputación para a mellora da piscina municipal e a contratación de once traballadores
O presidente provincial adianta ao rexedor Luis Celso Taboada a aprobación de dúas axudas enmarcadas no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e no +Provincia, así como un plan de investimento de ata 1,57 M€ previsto para este ano no Concello
24/02/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou ao alcalde de Vila de Cruces, Luis Celso Taboada, a aprobación de dúas subvencións por parte do organismo provincial ao Concello valoradas en máis de 250.000 euros ao abeiro do plan +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Fíxoo nun encontro institucional no despacho presidencial do pazo provincial, onde Luis López repasou co rexedor asuntos de interese mutuo para ambas as institucións, así como os plans de investimento previstos pola Deputación para este ano neste concello do Deza valorados nun máximo de 1,57 millóns de euros.
Cunha achega de 147.161 euros correspondentes a Liña 3 do +Provincia para a activación do emprego, a Deputación favorecerá a contratación de once persoas por parte do Concello para realizar os labores de albanel (4), peón de obras forestais ou xardineiros (3), operario condutor (2), operario para o manexo de maquinaria (1) e conserxe de edificios municipais (1).
Por outro lado, tamén vaise conceder unha subvención de 107.000 euros ao abeiro da segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que servirá para sufragar o maior parte do proxecto de mellora da piscina municipal, que conta cun orzamento total de 144.266 euros.
Durante a reunión de traballo, o presidente Luis López trasladou tamén ao rexedor o importe correspondente ao Concello de Vila de Cruces de cada un dos plans de Cooperación que a Deputación ten en marcha para este ano. Polo +Provincia recibirá un total de 769.912 euros, o que supón un aumento de case 5.500 euros con respecto ao ano 2024. Pola segunda edición do PEID, a contía correspondente medra en case 61.700 euros, ata os 107.000 euros. E finalmente, ao abeiro do Plan Extra, o Concello de Vila de Cruces recibirá ata un máximo de 700.000 euros. A suma total acada os 1,57 millóns de euros, unha suba de máis de 767.000 euros con respecto ao recibido o pasado ano 2024 por este Concello de mans da Deputación provincial.