A Deputación fai pública a lista provisional de persoas menores admitidas e excluídas para optar ás 1.540 prazas dos Campamentos A Lanzada

Récord de solicitudes neste 2024 con 4.075 persoas menores admitidas e excluídas, un 7 % máis que o pasado ano. O prazo para emendar erros esténdese ata o 8 de maio

23/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o listado provisional coas 4.075 persoas menores admitidas e excluídas para optar a unha das 1.540 prazas dispoñibles para participar nunha das once quendas dos Campamentos A Lanzada 2024. Destas, 3.830 están admitidas, mentres que 245 están excluídas provisionalmente, o que supón o maior número de solicitudes nos últimos sete anos e un  7% máis que en 2023. A partir de mañá ábrese un prazo de 10 días hábiles, ata o 8 de maio, para emendar posibles erros. O listado pode consultarse na Sede electrónica da Deputación.

Cada nai, pai ou titor legal recibirá un SMS cun código no número de teléfono indicado na solicitude, co que poderán acceder ao expediente e ver as causas de exclusión, podendo así proceder a emendalas para optar á inclusión das e dos menores no listado. Unha vez rectificadas as solicitudes excluídas, publicarase o listado definitivo e a data do sorteo público das prazas, que terá lugar ao longo do mes de maio.

En canto ás e aos cativos admitidos, a comarca con maior número de solicitudes é a de Vigo, con 2.106 rapazas e rapaces nados entre 2011 e 2016 admitidos, dos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior e Vigo. Síguelle Pontevedra, con 854 rapazas e rapaces da Lama, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas e Vilaboa. Na comarca do Salnés son 433 as e os menores admitidos, procedentes da Illa de Arousa, Cambados, Catoira, Meaño, Meis, O Grove, Pontecesures, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

En canto ao Condado-Paradanta, admitíronse 196 cativas e cativos da Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Mondariz, Ponteareas e Salvaterra de Miño, mentres que 172 pequenas e pequenos virán dos concellos do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña). No caso de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, no listado provisional hai 165 nenas e nenos da Estrada, Agolada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Lalín, Rodeiro e Silleda. Por último, hai 143 persoas do Baixo Miño aceptadas, dos concellos da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.

Os campamentos, que se realizarán entre o 23 de xuño e o 7 de setembro (se ben esta data está condicionada ao comezo do curso escolar 2024-2025), distribuiranse en once quendas de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado) e están dirixidos a mozas e mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia nados entre os anos 2011 e 2016, ambos os dous incluídos. En cada unha das quendas participarán 140 nenas e nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 estarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social.

No Centro de Vacacións da Lanzada a cativada poderá gozar dun amplo programa de actividades entre as que destacan as actividades deportivas no propio campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos), na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia), actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios), de coñecemento do medio, excursións a lugares como o monte da Siradella ou a illa de Ons, obradoiros, xogos ou veladas. Toda unha semana completa de ocio que rematará coa gran festa final, na que, ademais, se seleccionará a mascota do grupo entre as que crearán todas e todos os cativos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.