A Deputación ordena a limpeza da vexetación do muro do convento de Santa Clara no seu linde coa Praza de Barcelos

Os traballos manuais de corte permitirán garantir a seguridade das persoas e a conservación do ben tralo derrubamento que sufriu o muro o pasado mes de marzo

22/08/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de ordenar a contratación dos traballos de limpeza da vexetación do muro perimetral do convento de Santa Clara, edificio pertencente ao complexo do Museo de Pontevedra. Estes traballos afectarán a cara sur do inmoble, na parte que linda coa Praza de Barcelos, e realizaranse tanto na cara interior como na exterior do muro, así como en toda a súa lonxitude.

As tarefas de recorte permitirán observar, estudar e facer seguimento da patoloxía detectada tralo derrubamento dunha parte do muro o pasado mes de marzo, e resultarán de vital importancia de cara a prescribir as actuacións precisas que garantan a seguridade das persoas (cómpre lembrar que tralo aviso da incidencia sinalizouse e balizouse toda a zona, impedindo o paso de peóns) e a conservación tanto do ben inmoble como do medio natural onde se localizou esta patoloxía.

Grazas á retirada da maleza que cobre o muro, poderase revisar o seu estado íntegro. Estes traballos encargados pola Deputación non afectarán a estabilidade estrutural do muro nin tampouco a conservación de ningún dos materiais que o forman. Consistirán unicamente en traballos de corte de maleza, con ferramentas manuais de poda e os medios auxiliares necesarios para realizar os traballos en altura, e non suporán non o arrincado de vexetación nin a aplicación de produtos químicos de ningún tipo.