A Deputación organiza esta fin de semana novas saídas do programa Lecer en familia coa participación de 70 persoas
As estancias programadas este 7 e 8 de febreiro levarán a familias de 15 concellos ao Hotel Bienestar Moaña, aos hoteis Coia e Sercotel Tres Luces de Vigo, aos hoteis Alda do Carril e Castelao en Vilagarcía e ao Hotel Bahía de Baiona
06/02/2025
A Deputación de Pontevedra programa esta fin de semana novas saídas do programa Lecer en familia, que levarán a 70 persoas de 15 concellos da provincia a seis dos 12 establecementos hoteleiros participantes no programa. O obxectivo desta iniciativa é reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia financiando estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros, das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra.
20 persoas de Baiona, Mondariz, O Porriño, O Rosal e Vilaboa pasarán a fin de semana no Hotel Bienestar de Moaña, mentres que outras 19 de Cambados, A Estrada, Pontevedra, Vigo e Vilanova de Arousa o farán no Hotel Bahía de Baiona. Tamén participarán 12 persoas de Cangas do Morrazo, Moaña e Vigo, cunha estancia no Hotel Alda do Carril; ata o Hotel Alda Castelao chegarán 8 persoas de Ponte Caldelas e Vigo, 7 persoas de Vilagarcía e Vilanova de Arousa aloxaranse no Hotel Coia e, finalmente, 4 persoas de Tomiño pasarán a fin de semana no Tres Luces.
En total, van participar en Lecer en Familia preto de 3.000 persoas de 52 concellos da provincia, que asistirán a 12 estabelecementos entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. En réxime de media pensión, tamén realizarán actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada estabelecemento) ou accederán aos circuítos termais dos que dispoñan nas súas instalacións. Ademais de potenciar a calidade de vida das familias, o programa tamén busca impulsar o sector turístico da provincia de Pontevedra.
Das preto de 3.000 prazas, 50 correspóndense cun réxime especial e son subvencionadas ao 100%. As de réxime xeral están subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para nenos de 3 a 12 anos, e ao 100% para menores de 3 anos. As estadías realizaranse en temporada baixa (entre xaneiro e marzo), con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo.