A Deputación defende a importancia de “tender pontes entre todas as administracións para a igualdade” no foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, defendeu na inauguración a importancia de “escoitar as mulleres e que haxa máis referentes”

15/03/2024

Inauguración Foro Mulleres que Opinan Son Perigosas

Reivindicar as mulleres na comunicación e no xornalismo é o obxectivo do encontro As Mulleres que Opinan Son Perigosas, organizado pola Deputación de Pontevedra e polo Concello de Pontevedra e que inaugurou hoxe no Teatro Principal de Pontevedra a súa sétima edición. A deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e as coordinadoras do foro, Diana López Varela e Susana Pedreira, foron as encargadas de abrir as xornadas, nunha conversa na que Bastos definiu o encontro como "un referente" e defendeu a importancia de "tender pontes entre todas as administracións para un obxectivo común: a igualdade".

Entre hoxe e mañá danse cita na sétima edición deste foro catorce profesionais de diferentes perfís, tanto de Galicia coma do resto de España, que converten o Teatro Principal no punto de encontro para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión. "É moi importante escoitarvos e que haxa máis referentes coma todas as mulleres que van estar nestas xornadas", asegurou Sandra Bastos.

Na inauguración, a responsable provincial de Igualdade reiterou o apoio da Deputación, "aquí estamos, estivemos e estaremos", e a importancia de "aprender, escoitar e abrirse á igualdade máis ampla, máis cordial. E defendendo realmente ese termo en todos os ámbitos". Desde que comezou As Mulleres que Opinan Son Perigosas en 2018 xa pasaron por este encontro 75 profesionais do xornalismo e da comunicación, co que se converteu nunha marca de referencia no xornalismo de opinión de toda España.

Catorce relatoras en dúas xornadas

Despois da inauguración deste foro, esta mañá foi a quenda de Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno, gañadoras do I Premio de Opinión #MulleresQueOpinan, e de Lula Gómez, guionista, podcaster e realizadora audiovisual. Pola tarde subirán ao escenario do Teatro Principal Mercedes Corbillón, de Diario de Pontevedra e La Voz de Galicia; Jazmín Abuín, xornalista, cómica e actriz; Diana Oliver, xornalista especializada en maternidade, infancia e saúde; e Lucía Méndez, de El Mundo.

A xornada de mañá comezará ás 12:00 horas con Ana G. Liste, de Praza.gal, e continuará con Patricia Fernández de Lis, redactora xefa en El País e directora de Materia, e Isabel Cadenas Cañón, xornalista, escritora e documentalista sonora. Xa pola tarde será a quenda de Claudia Morán, de Nós Diario; Noor Ammar Lamarty, activista xurídica e podcaster; Mariola Cubells, de La ventana da Cadena SER e El Huffington Post; e Olga Viza, xornalista e presentadora de televisión, que lle porá o ramo a esta sétima edición falando de xornalismo deportivo.

Galerias de imagenes

videos