Luis López inaugura a transformación acometida no treito de 1,2 quilómetros da estrada provincial entre Serrapio e Portela, na que a Deputación investiu 400.000 euros

“Un ano despois de anunciar estas obras aquí estamos, dando adeus a aquela estrada estreita, sen beiravías e insegura e inaugurando esta vía renovada para condutores e peóns”, remarcou o presidente provincial

14/12/2024

Inauguración da transformacion da estrada provincial entre Serrapio e Portela

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado, Jorge Cubela, e a deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de inaugurar a transformación e remodelación do treito de 1,2 quilómetros da estrada provincial entre Serrapio e Portela, na que o organismo provincial investiu 400.000 euros.  “Un ano despois de anunciar estas obras aquí estamos, dando adeus a aquela estrada estreita, sen beiravías e insegura e inaugurando esta vía renovada para condutores e peóns”, remarcou o presidente provincial.

No tramo de 1,2 quilómetros entre Serrapio e Portela ampliouse a plataforma da estrada ata acadar un ancho suficiente de 7 metros, con dous carrís de circulación, un trazado moito máis amable, un asfalto renovado e listo e unha sinalización máis visible. Deste xeito, as obras acometidas permitiron converter á vía nunha estrada máis segura para as persoas, que dispoñen ademais de beiravías máis amplas para o seu tránsito. “Esta transformación –recordou Luis López- foi posible grazas ao entendemento entre dúas administracións. Dun lado a Deputación que achegou os recursos necesarios e doutro o Concello, que con axilidade e traballo puxo a disposición os terreos necesarios e cuxa estreita colaboración se estende tamén a outros proxectos na vila, como o da estrada provincial EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, cun investimento de case 950.000 €”.

“Este é un goberno que cumpre”, subliñou López quen recordou que este cumprimento se dá tanto na modernización dos servizos e infraestruturas, como nas competencias en mantemento e mellora de estradas, aproveitando para poñer en valor o papel da deputada Isabel Couselo, “á que non lle queda quilómetro dos 1.600 que compoñen a nosa rede viaria por percorrer”, como en canto á cooperación cos Concellos, “unha misión que cando noutro lado da mesa está Jorge Cubela, un municipalista convencido e traballador incansable, é moito máis sinxela”.

Galerias de imagenes