A vicepresidenta Luisa Sánchez inaugura a nova fase das obras de transformación da contorna de Samil financiadas con 1,5 millóns de euros da Deputación

“Para este goberno provincial é irrenunciable contribuír á planificación urbana da miña cidade e á execución de proxectos de interese xeral para os vigueses, que están a transformar Vigo como nunca antes se fixera”, salientou Sánchez

11/12/2024

Inauguración da nova fase das obras de transformación da contorna de Samil

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este mércores na inauguración dunha nova fase das obras de transformación do paseo e a recuperación do sistema de dunas de Samil, cun investimento provincial de 1,5 millóns de euros. “Para este goberno é irrenunciable contribuír á planificación urbana da miña cidade e á execución de proxectos de interese xeral para os vigueses, que están a transformar Vigo como nunca antes se fixera”, concluíu Luisa Sánchez.

En concreto, a actuación inaugurada en Samil trátase da “primeira fase da recuperación desta zona tan importante para os vigueses e viguesas, que conseguirá mellorar a imaxe e os servizos da cidade grazas á colaboración institucional”, salientou a vicepresidenta. No marco destas obras, nas que a institución provincial está a investir 1,5 millóns de euros, xa se humanizou o tramo da praia da Fonte ata a pista de patinaxe coa construción dunha nova beirarrúa e a ampliación da situada no lado da praia, así como a creación de prazas de garaxe accesibles, a instalación dunha nova rotonda de regulación do tráfico e a incorporación de novos pasos peonís.

Luisa Sánchez lembrou a grande aposta que está a realizar a Deputación en Vigo, “materializada en actuacións como esta ou nos catro convenios que aprobamos fai unhas semanas para mobilizar obras de preto de 5 millóns de euros na cidade, dos que asumimos o 80%”. A vicepresidenta provincial recordou algúns dos asuntos incluídos nestes convenios, como as intervencións no campo de fútbol Sárdoma-Moledo, o parque Nelson Mandela de Navia, a Finca Matías ou o complexo deportivo de Travesas, e lembrou que na actualidade a Deputación ten previstos máis de 17 millóns para actuar en obras na cidade.

Galerias de imagenes