A Deputación de Pontevedra inaugura no Museo de Pontevedra unha exposición con xoguetes antigos datados entre 1890 e 1960
Ata o 9 de febreiro poderá visitarse no Edificio Sarmiento ‘É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo’
29/11/2024
O Museo de Pontevedra inaugurou hoxe a exposición ‘É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo’. O coleccionista redondelán reuniu nos últimos anos un interesante conxunto de máis de 700 xoguetes antigos de fabricación española e internacional, e unhas 150 pezas desa colección poderán conforman esta mostra, que estará aberta ata o 9 de febreiro no claustro do Edificio Sarmiento.
Os xoguetes que forman esta exposición foron creados entre as décadas de 1890 e 1960 e pertencen a marcas españolas tan destacadas coma Rico, Payá, Sanchís, Teixidó, Picó, Casanellas, Seix Barral, Sagarra, Mariquita Pérez e Jecsan. Tamén doutros países, como Gunthermann, Lehmann, Fernand Martin, Arnold, Hess, Tecnos, Strauss, Distler, Bühler, Rossignol, Goso, Marx, Bonnet, Vebe, Lego, Joustra ou Matarazzo.
Aquí atopamos principalmente xoguetes de lata, pero tamén doutros materiais coma chumbo, cartón, madeira ou plástico. Destacan os autómatas, moitos deles centenarios, que reproducen con gran realismo sorprendentes movementos. Tamén os teatros, de marcas como Schreiber, Paluzie e Pellerin-D’Espinal. En definitiva, amósanse xoguetes para todos os gustos, habilidades e temperamentos.
Esta mostra quere ser, desde o propio título, unha invitación a xogar dirixida ás nenas e nenos, pero tamén ás persoas adultas. É unha viaxe no tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores; as e os cativos sorprenderanse coas cores, os materiais e o enxeño destes trebellos, e as persoas maiores recoñecerán xoguetes da súa infancia cos que quizais non puideron xogar no seu día. Esta é a súa oportunidade de volver vivilos.
As visitas guiadas son unha parte fundamental desta exposición. Será o propio coleccionista o que as guíe cada mércores e cada venres ás 18:00 h. Ademais, poderanse concertar visitas fóra dese horario para escolas, asociacións ou grupos a partir de 10 persoas, contactando para iso co Museo.