A Deputación inaugura no Pazo Provincial a exposición que recolle máis dun cento de fotografías gañadoras nos Premios Provinciais á Xuventude

Rafa Domínguez e Jorge Cubela asistiron á apertura da mostra, unha das actividades paralelas ao encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes que se celebrará o 17 e o 18 de outubro no Museo de Pontevedra

04/10/2024

Inauguración da exposición fotografías gañadoras nos Premios Provinciais á Xuventude

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o deputado de Cultura e de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, inauguraron este venres 4 de outubro no vestíbulo do Pazo provincial a exposición de fotografía que recolle os traballos gañadores das sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude. No acto tamén estiveron presentes as deputadas provinciais Belén Cachafeiro e Sandra Bastos. A mostra, que estará aberta ata o 31 de outubro, forma parte das actividades complementarias do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que se celebrará en dúas semanas no Museo de Pontevedra.

O vicepresidente, Rafa Domínguez, lembrou que "a mocidade é unha prioridade deste goberno xa que é o futuro desta provincia, e debe ter un papel activo e protagonista no presente". Domínguez sinalou a creación dun servizo de Xuventude con iniciativas que atenden as súas demandas, proxectos e preocupacións, e destacou o papel de Jorge Cubela á fronte deste departamento e o de Cultura, "que están sendo revitalizados por este goberno". O vicepresidente asegurou que a Deputación está "de parabéns" pola "enorme calidade artística" das fotografías escollidas, e animou os mozos e mozas expositores a que "isto sexa un incentivo para que sigades cultivando unha arte, xa que non só abonda coa pericia, senón que debemos seguir formándovos".

Pola súa banda, Jorge Cubela sinalou que a exposición fotográfica é unha recompilación de máis dun cento de instantáneas que "poñen en valor o traballo destes mozos e mozas que participaron nos Premios Provinciais á Xuventude" e desexoulles "que teñades un futuro no voso don". Ademais, o deputado provincial destacou o encadre desta exposición no evento Pontevedra Literaria, "que reunirá a crème de la crème da escena literaria mundial o que fará, sen dúbida, que sexa moi especial".

A mostra está composta por 112 fotografías, 18 individuais e 94 como parte de 13 series fotográficas. A categoría de fotografía orixinal é sempre unha das que máis solicitudes de participación recibe nos Premios Provinciais á Xuventude e continúa medrando ano tras ano, o que denota o especial interese da mocidade pola creación artística.

O encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes traerá á cidade de Pontevedra os días 17 e 18 a escritores de gran prestixio: Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Rafa Cabeleira, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira. Ademais, tamén participará Sandra Ferreiro García, que foi a gañadora do premio de narrativa dos Premios Provinciais á Xuventude en 2018 e acaba de publicar a súa primeira novela, "Candela".

Enlaces de interés

Galerias de imagenes