A Deputación de Pontevedra acolle no Palacete das Mendoza desde o próximo venres a exposición “Intu-Indo” de Xosé Luís Román
A mostra, na que o pintor convida a reflexionar sobre cara a onde quere ir a humanidade, pode visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o 15 de decembro
24/11/2024
A Deputación de Pontevedra acollerá a partir do venres 29 de novembro no Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) a exposición “Intu-Indo”, unha mostra pictórica na que Xosé Luís Román goza coa intuición e o azar sobre o lenzo para amosar a cotiandade en declive, a natureza menos amable e unha reflexión sobre cara onde vai a humanidade. A colección estará dispoñible ata o 15 de decembro na sala de exposicións do Palacete.
Xosé Luís Román define a exposición ‘Intu-Indo’ como unha visión pausada e, ata certo punto, optimista onde determinados espazos, marcados pola improvisación controlada, agroman imaxes como resultado de manchas e de salpicaduras feitas no estoupar das cores. Esas cores son distribuídas en pequenas pingas ao longo das teas ou dos papeis pola acción do azar, dando forma ás tramas que reflexan o xeito de entender a pintura do artista.
‘Intu-Indo’ discorre por dous camiños que amosan, por unha banda, a cor, que representa unha cotiandade en declive. Polo outro lado, unha visión menos amable dunha natureza presentida coa que o autor convida a reflexionar sobre cara a onde queremos ir. Eses dous camiños, sinala Román, conflúen no desexo de atopar un espazo común nunha natureza sostible e harmónica.
Os horarios de visita da exposición “Intu-indo” de Xosé Luís Román no Palacete das Mendoza son os seguintes: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.