A Deputación de Pontevedra abre o próximo venres a exposición “Espazos liminais na miña memoria” de Ana Cancela
A mostra estará dispoñible ata o 22 de setembro na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas desde fai dúas décadas
01/09/2024
A Deputación de Pontevedra abre o próximo venres 6 de setembro a exposición “Espazos liminais na miña memoria” de Ana Cancela. Estará dispoñible na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, emblemático edificio da cidade de Pontevedra que fixo en xullo vinte anos como sede de Turismo Rías Baixas. Na mostra, a artista traballa na busca de novas formas de expresión coa idea de atopar un espazo fronteirizo entre a abstracción e a figuración, buscando ademais unha connotación no universo galego, os seus códigos visuais, o seu mundo simbólico e o seu patrimonio cultural.
“Espazos liminais na miña memoria” rompe fronteiras entre ambos os dous mundos opostos para idear un mundo estraño, con imaxes atrapadas noutra dimensión. Os espazos liminais, ambiguos, son espazos de transición entre ambos os dous, movéndose entre imaxes e símbolos procedentes de diferentes linguaxes plásticas e espazos temporais a través dunha poética da relación.
Esta fusión procede das diferentes etapas de creación da artista, que comezou co costumismo e o rural galego como protagonistas e pasou á abstracción tralo paso por Belas Artes, coa memoria, a lembranza ou a aprendizaxe da pintura como temas habituais. Un dos seus proxectos foi o de “As Portas do Alén”, unha serie de pinturas escultóricas que lembran as portas de entrada dun espazo estraño e que foron o xermolo do mundo liminal da súa mostra actual, ademais de darlle ao traballo da artista unha historia da herdanza cultural galega e do seu rico mundo simbólico.
A exposición pode visitarse no horario da sala de exposicións do Palacete: de luns a venres en horario continuo de 9:00 a 21:00 horas e os sábados, domingos e festivos entre as 10:00 e as 14:30 e entre as 16:30 e as 20:00 horas.