A Deputación constata o éxito dos calendarios competenciais ao esgotar os 10.000 primeiros en dous días

O presidente Luis López enviou esta semana unha carta aos centros educativos da provincia para que esta ferramenta didáctica elaborada xunto coa psicopedagoga e mestra Teresa Domínguez chegue a toda a xeografía provincial

06/09/2024

Luis López na conferencia de prensa do 06-09-2024

A Deputación de Pontevedra constata o éxito dos calendarios competenciais para este curso 2024/2025, elaborados xunto coa psicopedagoga e mestra Teresa Domínguez, ao esgotar os 10.000 primeiros en dous días. En concreto, o presidente Luis López informou que esta semana remitiu aos directores e directoras de preto de 500 centros educativos públicos, privados e concertados dos 61 concellos da provincia unha carta, “co obxectivo de que estes calendarios cheguen a cada aula, centro educativo e fogar da provincia”.

“Dez minutos despois de remitir o correo electrónico tiñamos xa a solicitude de máis de 1.000 exemplares”, explicou o presidente en conferencia de prensa. Ata o momento, a institución provincial ten impresos 10.000 exemplares dos calendarios competenciais para este curso, se ben López adiantou que dada a boa acollida entre os centros educativos faranse máis tiradas.

Este calendario é unha ferramenta para a rapazada, o profesorado e as familias coa que a Deputación busca inculcar valores positivos e hábitos de vida saudable.  De feito, presenta diferentes actividades para alumnos de todos os cursos de educación infantil, primaria e secundaria. As propostas de actividades comezan, precisamente, neste mes de setembro e inclúen tarefas e consellos que o alumnado poderá poñer en práctica tanto nos centros educativos coma nos seus fogares