A Deputación esgota as prazas para a nova xeira de visitas guiadas ao convento de Santa Clara

En menos de dous minutos cubríronse as 120 prazas dispoñibles para as visitas, que terán lugar os días 7, 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño

28/05/2024

En menos de dous minutos esgotáronse as 120 prazas dispoñibles para a nova xeira de visitas guiadas ao convento de Santa Clara que pon en marcha a Deputación de Pontevedra. As xornadas de portas abertas ao inmoble terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas.

As visitas guiadas estarán a cargo do persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra e realizaranse en grupos de 20 persoas cunha duración dunha hora. O percorrido iniciarase na igrexa e, a continuación, visitaranse estancias como o coro baixo, o coro alto e mais o claustro. Ademais, as visitas tamén permitirán coñecer a zona verde do convento, tanto a horta como o bosque.

O convento de Santa Clara, a súa finca e o seu muro están catalogados como bens con protección para a conservación monumental. A súa historia remóntase ao ano 1271, segundo a ficha do catálogo municipal, aínda que a primeira referencia directa documental do convento data de 1293, nun documento que se conserva na Colección Casto Sampedro do Museo de Pontevedra que fai referencia á doazón que se fixo a Tareixa Pérez, monxa de Santa Clara. No século XIV constrúese a Igrexa, de estilo gótico, que conta cun importante conxunto de retablos barrocos.

O xardín é o grande atractivo do patrimonio natural en Santa Clara, un espazo cunha extensión de preto de 12.000 metros cadrados no que medra unha gran cantidade de árbores froiteiras. Ademais tamén conta coa horta na que as monxas cultivaban e producían produtos, na que destacan as vides para a produción de viño.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.