A Deputación esgota en cuestión de minutos as prazas para as rutas previstas en xullo no programa “+Bosques”

Os oito percorridos terán lugar todos os sábados e domingos do mes, desde o 6 de xullo no Xabriña (Covelo) ata o 28 no Pazo de Lourizán (Pontevedra)

17/06/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou de novo todas as prazas dispoñibles para as rutas do programa provincial "+Bosques", neste caso as previstas para o mes de xullo. Tras abrir o prazo de inscrición este luns ás 9:00 horas, en menos de trinta minutos xa se esgotaran as prazas para participar nas oito rutas previstas, que se desenvolverán por espazos naturais da provincia situados nos concellos de Bueu, Covelo, A Illa de Arousa e Pontevedra.

Os percorridos da iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos "baños de bosques", comezan en xullo o sábado 6 no río Xabriña (Covelo) e continuarán o domingo 7 no río Almofrei (Pontevedra), o sábado 13 en Cabo Udra (Bueu), o domingo 14 no Carreirón (A Illa de Arousa), o sábado 20 no Pazo de Lourizán (Pontevedra), o domingo 21 de novo no Carreirón, o sábado 27 outra quenda en Cabo Udra e, por último, o domingo 28 volverá ao Pazo de Lourizán.  En total, entre xuño e outubro ofertaranse 40 itinerarios que tamén pasarán pola Illa de Tambo (Poio) e o Lago de Castiñeiras (Marín e Vilaboa), facendo en total sete espazos tanto da costa como do interior que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade da provincia.

No mes de agosto "+Bosques" continuará con saídas que  terán lugar os días 3 e 31 no río Xabriña, o día 4 o río Almofrei, o sábado 10 no Carreirón, o domingo 11 en Cabo Udra, os días 17 e 25 na Illa de Tambo e o 18 e mais o 24 no Lago Castiñeiras. Para estes itinerarios as inscricións abriranse o próximo 15 de xullo ás 9:00 horas a través do formulario que se poderá atopar na web da Deputación. Quen cubre o formulario poderá anotarse cun máximo de tres acompañantes. Unha vez se reciban as 15 primeiras inscricións por itinerario pecharase o percorrido e crearase a lista de agarda, para a que tamén é necesario realizar inscrición. Só está permitido realizar cada ruta unha vez e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de encontro de inicio do percorrido polos seus propios medios.

En setembro "+Bosques" continuará polo río Almofrei (día 1), Lago Castiñeiras (días 7 e 29), Xabriña (8), Pazo de Lourizán (días 14 e 28), Illa de Tambo (día 15), Cabo Udra (día 21) e polo Carreirón (día 22), para os que abrirá a inscrición o 19 de agosto. Os derradeiros percorridos do programa serán en outubro con rutas polo Cabo Udra (día 5), polo río Almofrei (día 6), pola Illa de Tambo (día 12), polo Lago Castiñeiras (días 13 e 26), polo Pazo de Lourizán (días 19 e 27) e polo río Xabriña (20), con apertura de inscricións o 16 de setembro.

As rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. Promóvese  a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.

Xornada de degustación de cociña silvestre

O peche do programa "+Bosques" será unha xornada de degustación de cociña silvestre, que se contempla para novembro unha vez rematados os percorridos. Esta actividade, de tres horas de duración, está aberta a todas as persoas participantes nos preto de 40 "baños de bosque" organizados pola Deputación e consistirá nunha recollida de froitos e vexetais silvestres comestibles dos bosques da provincia de Pontevedra, coa súa respectiva identificación e degustación.