Luis López salienta o “camiño conxunto” que a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual percorren para potenciar a cultura e a lingua galega

O presidente provincial lembra a colaboración para organizar por primeira vez na historia os premios Mestre Mateo en Lalín ou para entregar estes galardóns no Pazo provincial

12/11/2024

Entrega dos VIII Premios María Luz Morales

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o compromiso do organismo provincial coa cultura e a lingua galega na oitava edición da entrega dos Premios María Luz Morales que a Academia Galega do Audiovisual organizou este martes no Salón de plenos do Pazo provincial. "Uns premios que poñen en valor os talento dos amantes do audiovisual, recoñecen a calidade do audiovisual galego e poñen en valor a figura dunha muller pioneira e referencia no feminismo, a cultura e o audiovisual", sinalou o presidente Luis López, despois de dar a benvida aos asistentes á "casa da cultura galega" e salientar a importancia da colaboración das catro deputacións galegas, cuxos representantes estiveron presentes na entrega destes premios.

A gala serviu para entregar catro galardóns aos investigadores que presentaron os seus ensaios sobre o audiovisual a este certame que promove a Academia Galega do Audiovisual e cuxa organización organízase cada ano de xeito rotatorio nas sedes das catro deputacións galegas. O premio ao mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego recaeu no vigués Breogán Xague pola súa obra "Desvelar o dispositivo: o río, a terra, a fábrica. Un achegamento ao potencial político da obra audiovisual de Carme Nogueira". O mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi o do santiagués Manuel Barreiro, titulado "Resurrección dixital e deepfakes. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal". O galardón a mellor videoensaio sobre audiovisual galego levouno o silledense Juan Ares co traballo "Galicia, paisaxe de sangue". Mentres que o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entregou ao vigués Víctor Soho o recoñecemento polo mellor videoensaio sobre audiovisual internacional, que levaba o título "A gran imaxe non ten forma – Apuntamentos sobre a creación de símbolos identitarios". Os representantes das outras tres deputacións foron os encargados de entregar os outros tres premios, mentres que o presidente da Academia Galega do Audiovisual encargouse de entregar os dous accésits ao pontevedrés Severiano Casalderrey e á uruguaia Rebeca Novo.

"Queremos salientar de xeito notorio e grande o traballo da Academia Galega do Audiovisual na protección e divulgación da nosa cultura, lingua e e do audiovisual", subliñou o presidente provincial antes de dar comezo á entrega de premios. "Na Deputación sumámonos con forza a ese camiño que está percorrendo a Academia e facémolo da súa man. Hoxe coa entrega destes premios, o vindeiro 15 de marzo coa 23 edición dos premios Mestre Mateo, que se celebrarán en Lalín e por primeira vez na historia nun ámbito rural; e no futuro, porque estamos no camiño para desenvolver novos proxectos", engadiu o dirixente pontevedrés.

Neste sentido, Luis López reafirmou o compromiso do goberno da Deputación coa cultura ao lembrar o incremento dun 14 %, ata os 5,4 millóns de euros, da partida de Cultura que recolle o orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2025 e que foi aprobado o pasado venres no mesmo Salón de Plenos onde este martes se entregaron os premios María Luz Morales. Unhas contas que recollen tamén un impulso ao galego e á normalización lingüística cunha suba do 9 % na partida orzamentaria.

"Agradecemos o traballo de todos os que estades aquí en prol da cultura e o audiovisual. Levedes o premio ou non, para nós todos sodes gañadores", rematou o presidente Luis López.

Galerias de imagenes

audios