Luis López resalta o legado de “construtores cidadáns” que Antonio Palacios deixou no Porriño e que contribúen “cada día a edificar unha provincia que vai a máis”

O presidente provincial participa, xunto ao alcalde e deputado Alejandro Lorenzo, na entrega dos primeiros premios Antonio Palacios a persoas e entidades que destacan polo seu labor na cultura, no deporte, no social ou na empresa

15/06/2024

Entrega dos primeiros premios Antonio Palacios

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o labor dos "construtores" que recibiron este sábado no Porriño os primeiros premios Antonio Palacios concedidos a persoas que destacaron pola súa aportación, no eido da cultura, o deporte, o social ou a empresa; a construír unha provincia máis forte e, en consecuencia, a honrar o legado do arquitecto Antonio Palacios, un dos máis destacados arquitectos do século XX en España e que deseñou edificios nobles como o madrileño Palacio de Cibeles ou a casa consistorial do municipio onde naceu, O Porriño. "Nesta provincia, a de Antonio Palacios, celebramos o labor de todos os 'arquitectos', eses veciños, populares ou anónimos, que constrúen cada día unha provincia que vai a máis", agradeceu o mandatario provincial.

O presidente puxo en valor a traxectoria e labor de entidades como as Rondallas de Pontelas e Santa Eulalia de Atios, referentes da cultura; do Club Balonmán Porriño, exemplo de deportividade; de Almanaque Agrícola ou Zendal, polo seu labor social e empresarial; ou de persoas sen as que "viviriamos nun lugar peor" como o historiados xa falecido Xosé Ramón Iglesias. Neste sentido, Luis López recoñeceu que os edificios que erguen administracións como a Deputación "non serían máis que cáscaras baleiras sen persoas coma vós que os xustifican e os enchen de vida".

Ademais de recoñecer a transcendencia da obra de Palacios no Porriño e no conxunto da provincia, Luis López tamén quixo valorar o peso que este municipio ten no territorio. "Un Concello que participa con éxito na industria automobilística, farmacéutica ou na loxística", subliñou o dirixente provincial, quen tamén tivo palabras de agarimo para o alcalde e deputado, Alejandro Lorenzo. "É outro arquitecto que ergue os mellores edificios da política local. Sobre os alicerces de cercanía, da humildade e de xornadas maratonianas de traballo, edifica un proxecto político nacido da xente e que explica a impresionante transformación do Porriño nestes anos. É un auténtico exemplo do mellor municipalismo", afirmou o dirixente quen tamén valorou o traballo do conselleiro de Cultura e exdeputado provincial José López Campos, presente na entrega de premios.

Despois de lembrar o fito que motivou a cerimonia para esta primeira entrega de premios Antonio Palacios, que é o cumprimento do 150 aniversario do nacemento do arquitecto e o centenario da construción da casa consistorial que leva o seu selo, Luis López quixo destacar e agradecer o labor dos premiados e de toda a cidadanía do Porriño. "Antonio Palacios deixou un bo legado de construtores", concluíu.

Galerias de imagenes