A Deputación e a Xunta continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o Plan de usos do Fraga

Representantes da institución provincial e do Goberno galego escoitaron de primeira man ideas de representantes das artes escénicas, da música e do audiovisual

24/10/2024

Enriquecer o Plan de usos do Fraga

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia reuniron na tarde de hoxe e na sede da delegación territorial do Goberno galego en Vigo a representantes das artes escénicas, da musica e do audiovisual, dentro da liña de traballo aberta para a recollida de propostas e suxestións que permitan enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, escoitaron de primeira man as ideas e iniciativas para este edificio emblemático da cidade olívica de personalidades como o creador Antón Reixa, o músico Amaro Ferreiro, a asociación cultural Évame Oroza, a representantes da Federación Galega de Teatro Afeccionado ou da Sala Ártika, entre outros membros e colectivos do sector escénico, musical e audiovisual de Vigo e da comarca.

As súas achegas súmanse ás que se recibiron na reunión da semana pasada dos colectivos e entidades de música de base xunto coas que se recolleron a mediados de setembro no primeiro encontro aberto á cidadanía. Nesta primeira xuntanza participaron un cento de persoas e entidades que aportaron valiosas achegas para enriquecer o deseño do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.

Tanto Luisa Sánchez como Anxo M. Lorenzo coincidiron no compromiso de facer, e dun xeito intenso, unha escoita activa, próxima e transversal, con respecto ao papel que están a desenvolver ambas as dúas administracións. Neste senso, incidiron no agradecemento polo alto interese, xenerosidade e compromiso que durante todo este tempo se está a recibir e percibir proveniente de parte de particulares e colectivos do sector cultural de Vigo e da contorna.

Caixa de correo virtual aberta ata finais de outubro

Celebraron por tanto o interese que ten espertado a recuperación e incorporación á vida cultural do Teatro Cine Fraga, que atribuíron á decisión de ter ampliado un mes máis a caixa de correo virtual, posta en marcha a finais de agosto, que tamén ten como obxecto recoller en liña propostas, suxestións e ideas de cara ao deseño do futuro Plan de usos.

Esta iniciativa, que forma parte da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, ten recibido máis de 200 propostas na caixa de correo virtual propostas@teatrofraga.gal.

Galerias de imagenes