Luis López enxalza o dinamismo do tecido veciñal ante preto de 700 persoas no cuarto encontro +Convivir na Estrada: “Xuntos construímos unha provincia mellor”

O presidente da Deputación comparte unha nova xornada de convivencia deste programa de Acción Comunitaria con asociacións veciñais da Estrada e a contorna con charlas sobre o alzhéimer, sesións de risoterapia, ximnasia, música e gastronomía

10/11/2024

Luis López no encontro +Convivir na Estrada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia do movemento veciñal para dinamizar a vida social e cultural na provincia de Pontevedra e reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir apoiando as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos na celebración na Estrada da cuarta xornada do programa +Convivir, unha actividade deseñada para poñer en valor o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron preto de 700 persoas pertencentes ás asociacións veciñais da contorna da Estrada. “Mentres en épocas anteriores as asociación veciñais estaban esquecidas e mesmo parecía que estorbaban. Agora é todo o contrario, contamos con vós, poñemos recursos á vosa disposición e queremos camiñar con vós para construír unha provincia mellor, máis xusta, integradora e unida”, afirmou o mandatario provincial lembrando o impulso económico á área de Acción Comunitaria que recolle o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2025.

Despois de que o presidente Luis López, acompañado polo deputado responsable da área de Acción Comunitaria, Javier Tourís; dera á benvida aos participantes, as actividades deron comezo cunha charla sobre o alzhéimer a cargo do persoal da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer do Salnés (AFASAL). A programación continuou cun obradoiro de risoterapia seguido dunha clase de traballo funcional. A festa concluíu a última hora da tarde cunha sesión de música e a degustación de produtos gastronómicos locais que puxo o broche de ouro a unha festa que serviu para poñer en valor a importancia de vivir en comunidade.

O programa +Convivir é unha innovadora iniciativa da Deputación para reforzar os lazos co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Despois dos tres primeiros encontros en Poio, Cambados e Cuntis, celebrouse esta cuarta xornada na Estrada nun periplo que terá continuidade nas vindeiras semanas noutras comarcas da provincia. Trátase dunha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial co tecido asociativo da provincia e co seu labor, o que apoia con numerosas actividades e programas, entre as que destacan dúas accións novidosas dotadas cada unha con 1,6 millóns de euros como son o Plan+ Aqua, para colaborar con 173 comunidades de auga; ou Plan de Acción Comunitaria, para colaborar coas asociacións veciñais da provincia. Iniciativas que terán continuidade e mesmo serán reforzadas o vindeiro ano despois da aprobación este venres do Orzamento da Deputación que reserva unha partida de 2,4 millóns de euros para esta área estratéxica do goberno provincial.  Estes programas foron moi ben acollidos polos colectivos veciñais e teñen no deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, un dos seus principais impulsores. “É o valedor número un do movemento veciñal”, recoñeceu Luis López.

O presidente da Deputación, antes de dar por aberta a cuarta xornada do +Convivir, agradeceu a calorosa acollida da veciñanza e amosou a vontade do goberno provincial para seguir tendendo pontes entre a administración e o tecido asociativo e desexou aos asistentes que desfrutaran “en comunidade” dunha experiencia 100 % Rías Baixas.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.