Luis López incide na importancia do mercado turístico andaluz para reforzar un turismo desestacionalizado e sustentable na provincia de Pontevedra

O presidente provincial salienta nun encontro con turoperadores andaluces o peso do turismo nacional nas Rías Baixas, a alta poboación de Andalucía e a oferta de produtos como o Camiño de Santiago poden fomentar as relacións entre as dúas rexións

16/10/2024

Encontro con empresas turísticas na Costa do Sol

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, incidiu na  importancia que ten o mercado andaluz á hora de seguir reforzando á provincia como un destino turístico desestacionalizado e sustentable durante a presentación da oferta turística das Rías Baixas nun encontro de traballo que tivo lugar esta tarde de mércores con empresas especializadas do sector que operan nos mercados turísticos pontevedrés e andaluz. "Somos un destino que busca a desestacionalización e foxe das masificacións; que prima o contacto coa natureza pero non a altera; e que ve no turista un aliado e non un inimigo", defendeu Luis López no Museo do Automóbil da capital da Costa do Sol ata onde se desprazou coa deputada de Turismo, Nava Castro, e representantes de empresas turísticas da provincia para dar a coñecer a oferta turística da provincia e abrir as Rías Baixas a novos mercados e fluxos turísticos.

A xornada comezou arredor das 19.45 horas con diferentes reunións entre empresarios do sector para presentar os diferentes produtos e xerar sinerxias e alianzas, nas que o presidente Luis López mantivo un encontro con turoperadores andaluces aos que lle trasladou as potencialidades de estreitar os intercambios turísticos entre as dúas rexións pola importancia que ten o turismo nacional nas Rías Baixas, pola elevada poboación de Andalucía e pola oferta de experiencias atractivas como o Camiño de Santiago, incluída a súa variedade da Vía da Prata. Unha oferta marcada pola sustentabilidade e o contacto coa natureza en calquera época do ano que centrou o discurso do dirixente pontevedrés ao presentar os diversos atractivos do destino e a estratexia da Deputación para a súa promoción. Unha presentación que captou o interese do sector. Antes, o mandatario provincial foi recibido polo presidente da Deputación de Málaga. José Francisco Salado; e o alcalde do Ayuntamiento, Francisco de la Torre; para tender pontes entre estas administracións e poñer en común as diferentes medidas adoptadas en materia de turismo.

Neste sentido, o presidente López definiu as liñas mestras da Estratexia Rías Baixas Turismo 61 que ten en marcha o organismo provincial integrado en cinco eixos de acción, 40 liñas de traballo e máis de 200 actuacións. "Trátase dunha folla de ruta para ofrecer experiencias 100 % Rías Baixas nos 61 concellos da provincia os 365 días do ano e que non veñan as Rías Baixas, senón que sexan das Rías Baixas", resumiu López.

Unha proposta turística, a das Rías Baixas, avalada polas cifras e polo empuxe dun sector que non deixa de medrar. Con respecto ao ano 2023, este verán a provincia de Pontevedra rexistrou un incremento do 11 % no número visitantes ata acadar a cifra de 700.000 persoas, ademais os hoteis experimentaron un incremento do 4 % na súa ocupación cun total de 2,1 millóns de pernoctacións e o fluxo de turistas estranxeiros medrou nun 25 %. Un crecemento que fai que a provincia de Pontevedra acolla xa á metade dos turistas que veranean en Galicia.

"Uns datos que nos indican que imos polo bo camiño e que temos que seguir contándolle ao mundo que
Que Pontevedra é un destino sustentable no que a auga das nosas praias, ríos, termas ou chuvia son o elemento que define, nos diferencia, nos identifica e, sobre todo, nos enriquece. Que esta provincia é o destino ideal para viaxar en calquera época do ano, para visitar balnearios, para facer o Camiño ou aloxarse nunha casa rural e desfrutar dun albariño e un bo marisco", propón o mandatario provincial, quen salientou o recoñecemento que as Rías Baixas está colleitando a nivel internacional. "Ningún de nós podería imaxinar ver fotografías da nosa terra en National Geographic, nin titulares nos mellores periódicos do mundo, nin ser el tema de conversación dalgunhas das persoas máis influentes do planeta nin ocupar os postos máis altos das listas de destinos de moda", reivindicou López para subliñar que a provincia de Pontevedra non necesita compararse con ningún destino do mundo porque "somos 100% Rías Baixas".

Esas experiencias 100 % Rías Baixas, que dan forma ao lema da campaña de promoción turística da provincia, foron ás que convidou Luis López a vivir a todos os presentes neste encontro especializado celebrado en Málaga. "O turismo é algo así como un intercambio. Un intercambio cultural, de vivencias e de riquezas. Polo que aproveito esta oportunidade para convidar a todos a visitar a provincia de Pontevedra e a vivir experiencias 100 % Rías Baixas", concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

Galerias de imagenes