Luis López adianta á Banda municipal de Música de Agolada o apoio da Deputación para garantir a súa continuidade: “É fundamental para o concello e para a contorna”

O presidente, acompañado polo deputado de Cultura Jorge Cubela, recibe a dirección deste colectivo para coñecer as súas demandas e explorar posibles vías de colaboración desde o goberno provincial

20/11/2024

Encontro coa dirección de Asociación de Amigos da Banda de Música de Agolada
Encontro coa dirección de Asociación de Amigos da Banda de Música de Agolada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela, mantivo un encontro coa dirección de Asociación de Amigos da Banda de Música de Agolada para garantirlles o apoio da Deputación tanto para a banda como para a escola de música que xestionan.  “A asociación realiza un labor fundamental para a dinamización cultural do concello e de toda a contorna. É o colectivo máis numeroso do municipio, realiza actividade durante todo o ano, e polo tanto resulta imprescindible para o municipio. Merece a pena apoialo e coidalo", agregou López.

No encontro, que tivo lugar no despacho presidencial do Pazo provincial despois de que o pasado luns o solicitaran desde a directiva do colectivo e no que participaron a secretaria da asociación, María Crespo; e a tesoureira Raquel Fernández, o titular do goberno da Deputación avanzoulles a vontade do ente provincial de establecer vínculos de colaboración coa agrupación que permitan soster as funcións da agrupación.

Nesa liña, López informou ás representantes da banda das liñas de axuda existentes tanto do servizo de Cultura como de Xuventude e Reto Demográfico, ambas pilotadas polo deputado Jorge Cubela. Entre elas, a nova liña de compra de instrumentos e vestiario dotada con 200.000 euros.