A Deputación dedica 250.000 euros a dotar de puntos de recarga de vehículos eléctricos a oito edificios provinciais

Estas instalacións estarán situadas no Museo de Pontevedra, os viveiros de empresas de Lalín e Barro, a Finca Mouriscade, o Castelo de Soutomaior, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, o Centro Príncipe Felipe e o Parque de Maquinaria.

26/07/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar os traballos para instalar novos puntos de recarga de vehículos eléctricos en oito edificios provinciais. Farao grazas a un investimento próximo aos 250.000 euros no marco do programa Moves III, financiado cos fondos europeos Next Generation. Como explicou o presidente provincial, Luis López, con esta actuación “preténdese fomentar a mobilidade sustentable co fin de diminuír o emprego de enerxías fósiles a favor dun sistema enerxético limpo e a súa consecuente redución de emisións de dióxido de carbono”.

En concreto, instalarase un punto de recarga no Museo de Pontevedra, cun orzamento de 8.091 euros; un punto dobre no Viveiro de Empresas de Lalín con 9.864 €; dous simples na Finca Mouriscade con 17.724 €, dous dobres no Viveiro de Empresas de Barro con 23.226 €;outros dous dobres no Castelo de Soutomaior, con 24.887 €, tres na Estación Fitopatolóxica Areeiro con 27.137 €, dous no Centro Príncipe Felipe con 44.336 € e tres dobres e dous simples no Parque de Maquinaria, aos que se destinarán 99.072 €.

En canto á distribución do orzamento, no caso das instalacións do Viveiro de empresas de Barro e do Parque de Maquinaria, a Deputación financiará o 20% e o 80% restante estará financiado cos Next Generation, mentres que no resto de edificios o 30% correrá a cargo da institución provincial e o 70% polos fondos europeos.