Domínguez remarca o fortalecemento das relacións internacionais establecidas na Biennale di Venezia

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra confirma que Violeta Quispe, artista participante na Biennale di Venezia, exporá tamén na Bienal de Pontevedra

15/10/2024

Rafa Domínguez na Biennale

“O balance da visita a Venecia non pode ser máis satisfactorio” subliñou Rafa Domínguez ao regreso da Biennale da cidade italiana, unha das mostras de arte máis importantes do mundo. Para o vicepresidente provincial, o paso por Venecia serviu para fortalecer relacións internacionais e pechar acordos para a incorporación de artistas internacionais como Violeta Quispe, participante na Biennale, quen confirmou xa que formará parte da Bienal de Pontevedra.

En Venecia, a delegación pontevedresa, encabezada polo vicepresidente provincial e da que tamén formaron parte integrantes do equipo comisarial da Bienal de Pontevedra como Antón Castro, Ángeles Tilve e Agar Ledo, consolidouse unha colaboración clave coa Biennale, establecendo sinerxías para intercambiar ideas e boas prácticas. “Este vínculo –asegurou Domínguez- permitirá á Bienal de Pontevedra beneficiarse do prestixio e experiencia da mostra de arte máis importante do mundo, integrando o seu modelo e adaptando o seu formato aos futuros proxectos de Pontevedra”.

Ademais, visitáronse institucións como o Museo Fortuny ou a Colección Peggy Guggenheim onde a delegación pontevedresa avaliou modelos curatoriais innovadores para enriquecer a oferta cultural da Bienal de Pontevedra e analizou novas formas de integrar espazos históricos coa arte contemporánea. “Estes enfoques –destacou o vicepresidente- exploraranse para a súa posible implantación en proxectos de recuperación patrimonial en Pontevedra, como o de Santa Clara”.

Desde que a Deputación decidiu recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra, que volverá na súa edición número 32 o vindeiro ano baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, Rafa Domínguez está a traballar para impulsar e captar o talento internacional. Ata a data xa se confirmou a presenza de artistas internacionais destacados como Violeta Quispe, participante na Biennale di Venezia, Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Patrice Warrener, Raida Adon, Marina Núñez, Manuel Casimiro, e, entre outros, Miki Kratsman, e está previsto que a mostra promova o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras.

Galerias de imagenes