A Deputación ilumina este martes de azul o Pazo provincial con motivo do Día Mundial da Pneumonía

A institución provincial súmase ás accións de visibilización promovidas ao abeiro da campaña Pneumolight 2024 para aumentar a visibilidade desta enfermidade en todo o mundo

10/11/2024

A Deputación de Pontevedra iluminará de azul este martes 12 de novembro, de 21:00 a 22:00 horas, o Pazo provincial con motivo do Día Mundial da Pneumonía, co obxectivo de dar visibilidade a esta enfermidade infecciosa e concienciar á poboación sobre os seus riscos.
               
A Deputación súmase así ás accións promovidas ao abeiro da campaña Pneumolight 2024, un proxecto colaborativo sen fins de lucro que quere dar visibilidade a esta enfermidade a través da educación. Unha campaña, ademais, que forma parte da coalición mundial Every Breath Counts e da European Lung Foundation, e conta co apoio de 30 organizacións e sociedades científicas de todo o mundo.

A pneumonía é unha enfermidade respiratoria infecciosa que se presenta a calquera idade, pero que afecta especialmente á poboación menor de 5 anos e aos maiores de 65. Nas últimas dúas décadas, os avances na vacinación, as melloras na alimentación e os tratamentos favoreceron a loita contra este mal, axudando a que a taxa de mortalidade se vira reducida á metade, sobre todo na poboación infantil. Malia iso, a pneumonía, que provoca a inflamación dos pulmóns por unha infección producida por virus ou bacterias e afecta de maneira desigual aos distintos países do mundo, é a principal causa de morte de nenos e nenas menores de cinco anos e, segundo a Organización Mundial da saúde (OMS) a maioría son evitables se se toman as medidas de prevención apropiadas.