Luis López enxalza a forza do tecido veciñal da provincia ante máis de medio milleiro de persoas no primeiro encontro +Convivir: “Estamos ao voso carón”

O presidente provincial participa nun encontro con centos de persoas integrantes de asociacións veciñais de Poio e da contorna nunha actividade lúdica cunha charla sobre o alzhéimer, un obradoiro de risoterapia, ximnasia e o concerto do Trío Azabache

13/09/2024

+Convivir en Poio

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor a importancia do movemento veciñal para a dinamizar a vida social e cultural na provincia de Pontevedra e reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir apoiando as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos na celebración no parque da Seca, en Poio, da primeira xornada do programa +Convivir, unha actividade deseñada para agradecer o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron máis de 500 persoas implicadas en distintas asociacións veciñais de Poio e a da súa contorna. “Mentres en épocas anteriores as asociación veciñais estaban esquecidas e mesmo parecía que estorbaban. Agora é todo o contrario, contamos con vós, poñemos recursos á vosa disposición e queremos camiñar con vós para construír unha provincia máis xusta, integradora e unida”, afirmou o mandatario provincial na apertura desta xornada celebrada nesta tarde de venres.

Despois de que o presidente Luis López, acompañado polo deputado Javier Tourís e o alcalde de Poio, Ángel Moldes; dera á benvida aos centos de participantes, as actividades deron comezo arredor das 16 horas cunha charla sobre o alzhéimer a cargo do persoal da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Pontevedra (AFAPO). Unha hora despois, continuou cun obradoiro de risoterapia e arredor das 18 horas, tivo lugar unha clase de ximnasia de mantemento. A festa concluíu coa música do Trío Azabache e unha merenda que puxo o broche douro a unha festa que serviu para poñer en valor a importancia de vivir en comunidade.

O programa +Convivir é unha nova iniciativa da Deputación para amosar as súas sinerxías co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Ademais deste primeiro encontro en Poio, haberá novas xornadas noutros concellos da provincia. Trátase dunha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial co tecido asociativo da provincia e co seu labor, o que apoia con numerosas actividades e programas, entre as que destacan dúas accións novidosas dotadas cada unha con 1,6 millóns de euros como son o Plan+ Aqua, para colaborar con 173 comunidades de auga; ou Plan de Acción Comunitaria, para colaborar coas asociacións veciñais da provincia, que recibirán ata 10.000 euros para mellorar os seus servizos. Estes programas foron moi ben acollidos polos colectivos veciñais e teñen no deputado de Acción Comunitaria un dos seus principais impulsores. “É o auténtico valedor do movemento veciñal e asociativo da nosa provincia. E despois de moitas semanas de traballo, o +Convivir tamén é un éxito”, recoñeceu Luis López.

O presidente da Deputación, antes de dar por aberta a primeira xornada +Convivir, agradeceu a calorosa acollida da veciñanza, tendeu a man do goberno provincial a seguir estreitando os lazos entre a administración e o tecido asociativo e desexou aos asistentes que desfrutaran dunha experiencia 100 % Rías Baixas.

Galerias de imagenes