Luis López louva o labor do tecido veciñal ante centos de persoas no terceiro encontro do programa +Convivir en Cuntis: “Xuntos construímos unha provincia mellor”

O presidente da Deputación comparte unha nova xornada de convivencia deste programa de Acción comunitaria con asociacións veciñais de Cuntis e a contorna con charlas sobre o alzhéimer e nutrición, risoterapia, ximnasia e música e gastronomía

26/10/2024

+Convivir en Cuntis

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia do movemento veciñal para dinamizar a vida social e cultural na provincia de Pontevedra e reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir apoiando as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos na celebración no Balneario de Cuntis da terceira xornada do programa +Convivir, unha actividade deseñada para poñer en valor o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron centos de persoas pertencentes ás asociacións veciñais da contorna de Cuntis. “Mentres en épocas anteriores as asociación veciñais estaban esquecidas e mesmo parecía que estorbaban. Agora é todo o contrario, contamos con vós, poñemos recursos á vosa disposición e queremos camiñar con vós para construír unha provincia mellor, máis xusta, integradora e unida”, afirmou o mandatario provincial na apertura desta xornada celebrada nesta tarde de sábado.

Despois de que o presidente Luis López, acompañado pola deputada de Infraestruturas e veciña de Cuntis, Isabel Couselo; así como do deputado responsable da área de Acción Comunitaria, Javier Tourís: dera á benvida aos participantes, as actividades deron comezo arredor das 16.30 horas cunha charla sobre o alzhéimer a cargo do persoal da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer do Pontevedra (AFAPO). A programación continuou cun obradoiro de risoterapia seguido dunha charla sobre nutrición e unha clase de traballo funcional. A festa concluíu arredor das 20.30 cunha sesión de música en directo e a degustación de produtos gastronómicos locais que puxo o broche de ouro a unha festa que serviu para poñer en valor a importancia de vivir en comunidade.

O programa +Convivir é unha innovadora iniciativa da Deputación para reforzar os lazos co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Despois dos dous primeiros encontros en Poio e en Cambados, celebrouse esta segunda xornada en Cuntis nun periplo que terá continuidade nas vindeiras semanas noutras comarcas da provincia. Trátase dunha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial co tecido asociativo da provincia e co seu labor, o que apoia con numerosas actividades e programas, entre as que destacan dúas accións novidosas dotadas cada unha con 1,6 millóns de euros como son o Plan+ Aqua, para colaborar con 173 comunidades de auga; ou Plan de Acción Comunitaria, para colaborar coas asociacións veciñais da provincia, que recibirán ata 10.000 euros para mellorar os seus servizos.

Estes programas foron moi ben acollidos polos colectivos veciñais e teñen no deputado de Acción Comunitaria un dos seus principais impulsores. “É o valedor número un do movemento veciñal”, recoñeceu Luis López, quen tamén tivo palabras de agradecemento para Isabel Couselo. “Unha ‘correcamiños’ en sentido literal, porque xa non sei cantas maratóns leva completadas por toda a provincia para asegurar que as nosas estradas sexan seguras e accesibles”, encomiou o dirixente provincial sobre a responsable da área de Infraestruturas da Deputación e “amante incondicional e firme defensora de Cuntis”.

O presidente da Deputación, antes de dar por aberta a segunda xornada do +Convivir, agradeceu a calorosa acollida da veciñanza “na vila termal por excelencia da provincia de Pontevedra” e amosou a vontade do goberno provincial para seguir tendendo pontes entre a administración e o tecido asociativo e desexou aos asistentes que desfrutaran dunha experiencia 100 % Rías Baixas.

Galerias de imagenes