A Deputación organiza esta fin de semana cinco novas saídas ao abeiro do programa +Convivencia

Máis de 260 veciños de Baiona, Meaño, Pontevedra e Vilanova de Arousa visitarán recursos de interese turístico da provincia como o Castelo de Sobroso, os pendellos de Agolada, o legado romano na Guarda ou o museo Naturnova

20/11/2024

Máis de 260 veciños e veciñas de cinco colectivos sociais dos concellos de Baiona, Meaño, Pontevedra e Vilanova de Arousa participarán entre o xoves 21 e o domingo 24 de novembro en saídas do programa +Convivencia, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa chegará a recursos turísticos da provincia como o Castelo de Sobroso, o centro histórico de Tui, os pendellos de Agolada, o legado romano na Guarda ou o museo Naturnova.

A primeira saída destes próximos días será o xoves 21 de novembro da man de 50 usuarios da Asociación Juan XXIII, de Pontevedra, que viaxará a Vigo onde coñecerán o museo Naturnova (Centro Interactivo de Educación Ambiental) de Afundación. O sábado 23 terán lugar dúas saídas, nas que se mobilizarán 50 persoas da Sociedade Española da Camelia (Pontevedra) para visitar Tui e mais o Castelo de Sobroso, e outras 58 persoas da ANPA El Rosario do CEIP de Belesar (Baiona), neste caso para realizar unha visita familiar á Guarda onde coñecerán os tesouros da Gallaecia romana.

O domingo terán lugar as dúas últimas saídas da semana, con 50 usuarias das Mulleres Rurais A Telleira de Dena (Meaño) que visitarán a comarca do Deza, cos pendellos de Agolada, o Museo da Solana de Piloño (Vila de Cruces) ou a Fundación Xosé Neira Vilas entre as súas paradas, e mais 55 persoas da ANPA As Chans do CEIP San Bartolomeu de Tremoedo (Vilanova de Arousa), que viaxarán á cidade de Vigo para ver as súas luces de Nadal.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa ou a popular, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.