A Deputación organiza esta fin de semana cinco novas saídas ao abeiro do programa +Convivencia nas que participarán 250 persoas

Veciños de Cambados, Oia, Vigo e Vilagarcía de Arousa visitarán enclaves da provincia como o Acuario do Grove, o Castelo de Sobroso, Santa Trega ou o monte Aloia

14/11/2024

Preto de 250 persoas de cinco colectivos dos concellos de Cambados, Oia, Vigo e Vilagarcía de Arousa participarán entre este venres e o domingo en saídas do programa +Convivencia, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa chegará a recursos culturais e turísticos como o Acuario do Grove, o Castelo de Sobroso, o monte de Santa Trega, o Monte Aloia e Mondariz-Balneario.

A primeira saída destes próximos días será o venres 15 de novembro da man da ANPA Os Olmos, de Cambados, que partirá con 87 persoas ao Acuario do Grove. O sábado 16 terán lugar tres saídas: 50 integrantes de Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo VI visitarán Tui, Baiona e A Guarda, onde subirán ao monte de Santa Trega. Tamén o sábado participarán dous colectivos de Vigo, 50 persoas da Asociación Amigos de los Pazos que pasarán o día en Mondariz-Balneario e o Castelo de Sobroso, e 54 persoas da Asociación Veciñal Doutor Fleming que irán de excursión a Forcarei. Por último, a ANPA do colexio de Santa María de Oia e a ANPA Beiramar do CEIP Mestre Manuel García de Oia visitarán o domingo o monte Aloia e o río Tripes, en Tui, mobilizando 57 persoas.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa ou a popular, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.