Luis López sinala que a Deputación volver cumprir con Vigo ao asinar 6,2M€ en cinco proxectos clave: “Facemos máis cidade”

O organismo provincial achega o 80 % duns investimentos que permiten a construción dun parque en Finca Matías, a humanización de Clara Campoamor, repoñer a cuberta dun pavillón nas Travesas e actuar no parque Nelson Mandela e no campo de Sárdoma

23/12/2024

Sinatura de convenios co Concello de Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta “compromiso cumprido” coa cidade de Vigo a través da contribución millonaria do organismo provincial a proxectos dirixidos a modernizar e transformar as infraestruturas e servizos da urbe, así como a mellorar a calidade de vida das viguesas e vigueses. No Museo Marco, o mandatario provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, asinou un convenio de colaboración co alcalde de Vigo, Abel Caballero, que dá luz verde a mobilización de 6,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 80 %, 5 millóns de euros, para a execución de cinco proxectos. Trátase dos 3,2 millóns de euros para a construción dun macroparque na Finca Matías, os 1,3 millóns para a humanización da rúa Clara Campoamor, os 820.000 euros para as obras do campo do Sárdoma e o Moledo, os máis de 500.000 euros para o parque Nelson Mandela e os 290.000 euros do complexo deportivo das Travesas.

“Estamos en vésperas de Noiteboa, tempo máis que ideal para a autocrítica e decidir se nos portamos ben ou mal: politicamente, claro. Polo que a nós respecta, podemos estar tranquilos porque as discrepancias, que as hai, se superan; porque os atrancos, que os hai, se solucionan; e porque as expectativas, que as houbo, quedan sobradamente cumpridas. Os investimentos da Deputación son unha realidade, en total ímonos a case 30 M€, en 17 meses que leva este goberno en marcha comprometemos case 2 M€ ao mes nesta cidade. A conclusión é que a Deputación fai cidade, fai máis Vigo”, afirmou o mandatario provincial antes de asinar unha nova mostra de colaboración co Concello de Vigo.

En concreto, o pacto asinado entre López e Caballero servirá para a execución de obras valoradas nun total de 6,2 millóns de euros, dos que o ente provincial achega o 80 % e o Concello o 20 % restante. Os proxectos financiados con estes 5 millóns de euros que a Deputación achega, como mínimo, cada ano á cooperación coa principal cidade de Galicia destínanse a cinco proxectos. O macroparque de xogos infantís inclusivos e interactivos da Finca Matías está valorado en 3,2M€, dos que a Deputación achega un total de 2,6M€, para remodelar este espazo situado na contorna de Travesía e rúa Aragón. A humanización da rúa Clara Campoamor, entre Ramiro Pascual e o Hospital Álvaro Cunqueiro, conta cunha achega de 1,13 M€ da Deputación (85%) e 170.000€ do Concello, para renovar a calzada, construír beirarrúas e repoñer os servizos. No campo de fútbol municipal de Sárdoma-Moledo, o ente provincial aporta 650.000 €, o 80 % dun total de 820.000 euros, para construír un muro de contención e renovar o pavimento e o peche da parcela. Nas Travesas participa con 225.000€ na reposición da cuberta no pavillón da pista vermella do Complexo Deportivo das Travesas e con 412.000 euros para o 80 % do custo da reconstrución dun muro no parque Nelson Mandela de Navia.

Facendo referencia a unha declaración do rexedor vigués na que dicía “ao que traia cousas a Vigo, alfombra vermella”, o presidente Luis López amosou, coa sinatura destes acordos, a vontade da Deputación de “camiñar moito tempo por esa alfombra vermella”. Neste sentido, avanzou que xa están planificando o vindeiro ano 2025 que chegará con “novas axudas e iniciativas na cidade”.

Unha declaración de intencións que teñen o seu mellor aval nos compromisos cumpridos nos meses anteriores. Ao longo do presente mandato, o goberno provincial encabezado por Luis López ten posto en marcha investimentos estratéxicos para a cidade de Vigo como o da Grada de Gol de Balaídos, valorado en 26M€ e financiado ao 50 % entre Concello e Deputación; a recuperación de 6,2M€ de convenios anteriores cuxos fondos ían perderse para realizar obras de mellora urbana; ou a construción do novo paseo de Samil financiado con 1,5M€ da Deputación e recentemente inaugurado.

Pechou Luis López a súa intervención  dando ás grazas ás persoas que fan posible a posta en marcha destas iniciativas tan positivas para Vigo e a súa veciñanza. “A vicepresidenta Luisa Sánchez é a auténtica autora e artífice da axenda viguesa da Deputación”, subliñou Luis López, estendendo o agradecemento aos responsables do lado municipal.

Galerias de imagenes