A Deputación envía ao Concello de Pazos de Borbén o convenio para a mellora da EP-2702, entre Amoedo e Os Valos, na que investirá un millón de euros

O goberno provincial, a través do servizo de Infraestruturas, leva meses traballando para conseguir a dispoñibilidade dos terreos necesaria para executar a ampliación da estrada

24/04/2024

A Deputación de Pontevedra vén de enviar ao Concello de Pazos de Borbén o convenio de colaboración para a execución do proxecto de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702, entre os núcleos de Amoedo e Os Valos, no que investirá preto dun millón de euros para resolver as deficiencias que presenta este viario nun treito de case 1,5 quilómetros, atender unha demanda histórica da veciñanza deste concello e avanzar no compromiso do goberno provincial de ofrecer estradas modernas e seguras.

A obra, valorada en 960.500 euros, financiarase na súa totalidade con fondos da Deputación de Pontevedra, que tamén leva desde o pasado mes de xullo traballando para obter a dispoñibilidade dos terreos. Un labor complexo que, despois de resolver numerosas deficiencias arrastradas desde comezos do ano pasado, atópase xa rematado e posibilita a sinatura do convenio para a execución dunha obra que levaba en punto morto desde abril no ano 2022, cando se fixeron os primeiros estudos, e á que o goberno provincial deu prioridade para dar resposta ás necesidades veciñais. Pola súa banda, o Concello asumirá os gastos das expropiacións, que ascenden a 40.000 euros.

Esta estrada de dobre sentido presenta unha anchura insuficiente e carece de beiravías, así como un trazado con curvas moi pechadas que dificultan a circulación cómoda e segura. Ademais, o viario acolle tráfico pesado de camións porque comunica as instalacións industriais existentes nesta estrada coa N-550. O obxectivo das obras pasan pola ampliación da sección da estrada, dotándoa de carrís máis amplos e beiravías, así como melloras puntuais do trazado. Ademais, o proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe e a execución da rede de augas pluviais e de abastecemento e tamén nova sinalización vertical e horizontal.

A tramitación deste proxecto comeza no ano 2022 cos primeiros estudos previos. Sen embargo, non é ata xullo do 2023, co novo goberno da Deputación en funcionamento, cando se intensifican os traballos técnicos e administrativos precisos para facer realidade a obra. Un intenso labor para sacar adiante este proxecto que se ve reflexado tamén no compromiso orzamentario do executivo que encabeza Luis López para achegar os fondos necesarios para realizar a obra, pois non existía ningún garantía de gasto do anterior goberno.