Luis López informa a alcaldesa de Cangas que a Deputación vén de enviar o convenio de colaboración da senda entre A Madalena a Herbello por 1,3 millóns

O presidente da Deputación mantén unha reunión de traballo coa rexedora Araceli Gestido, na que lle adiantou a aprobación o vindeiro venres de dúas subvencións do +Provincia por valor de 850.000 euros para intervir en camiños e humanizar a rúa Estrela

11/06/2024

Luis López e a alcaldesa de Cangas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou á alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, o envío no día de hoxe do convenio de colaboración entre ambas as institucións para executar o proxecto de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria entre A Madalena e Herbello co obxectivo de comezar as obras no menor tempo posible. Así mesmo, o mandatario provincial avanzou a rexedora que na Xunta de Goberno deste venres aprobaranse dúas subvencións, ao abeiro do Plan +Provincia, por un valor conxunto de case 850.000 euros para mellora de estradas e a humanización da Rúa da Estrela. Uns anuncios que López trasladou a Gestido nun encontro de traballo que tivo lugar este martes no despacho presidencial do Pazo Provincial onde ambos os dirixentes repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións. “Anuncieille que hoxe mesmo foi remitido un convenio importante para Cangas e a provincia que ten que ver coa EP-1002, onde imos construír unha senda peonil cun investimento que se vai ata os 1,3 millóns de euros dos que a Deputación achega o 80 %”, informou o mandatario provincial ao remate da reunión.

Neste sentido, o titular do executivo provincial informou á alcaldesa dos fondos que lle corresponden ao Concello de Cangas do programa +Provincia, que ascenden a case 1,2 millóns de euros, arredor de 70.000 euros máis do recibido o ano anterior. Unha cifra que, unida ao recibido do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (152.000€) e do convenio para a mellora da EP-1002 (1M€), suporá un investimento de 2.3 millóns de euros por parte da Deputación neste municipio do Morrazo.

Con respecto ao Plan +Provincia, a Xunta de Goberno aprobará este venres dúas subvencións ao abeiro da Liña 1 de investimentos deste programa provincial. Por un lado, darase luz verde á achega de 490.000 euros para realizar labores de reasfaltado nos lugares de Espiñeiro, Longán, Rodeira, Cunchido e A Madalena; e, por outro, recibirá 343.000 euros para executar o proxecto de reurbanización e humanización da Rúa Estrela. Uns investimentos que se completan con outros xa aprobados anteriormente ao abeiro desta Liña 1 como son a subministración dun camión para baldeo (54.000€) ou a subministración de reixas para a Fonte de María Soliña (7.700€).

Do mesmo xeito, o Concello de Cangas conta cunha aportación de 147.000 euros da Deputación para o servizo de limpeza e rozas e outra, de 90.000 euros, para a programación das Festas do Cristo, ao abeiro da Liña 2 de apoio ao gasto corrente do Concello. Ademais, Cangas contratará a dous traballadores por un importe total de 33.800 euros pola Liña 3 do +Provincia para o fomento do emprego. Así mesmo, ao amparo da Liña 4 para a redacción de proxectos transformadores, recibirá 29.000 euros para deseñar a transformación da mobilidade nas Gruncheiras e en Verín.  

No tocante ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a Deputación leva a cabo a mellora da iluminación exterior do estadio municipal de atletismo cun investimento de 152.600 euros que permitirá financiar a totalidade da obra.

Con respecto ao convenio de colaboración entre o Concello e o organismo provincial para a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na EP-1002 entre A Madalena e Herbello o orzamento total do proxecto rolda o 1,3 millóns de euros, dos que a Deputación achegará o 80 %, arredor do millón de euros. Trátase da primeira das tres obras que totalizan o proxecto, unha obra moi demandada pola veciñanza que afecta a un treito de 1,8 quilómetros ao longo dos que se construirá unha senda peonil, reporase a capa de rodadura, limitarase a velocidade de circulación a 30km/h e renovaranse todos os servizos da vía. Unha mostra da vontade do goberno provincial atender as necesidades da veciñanza desbloqueando proxectos que sufrían distintos problemas administrativos.

A reunión, que se encadra dentro da serie de encontros institucionais que o presidente está manter cos rexedores de toda a provincia, transcorreu nun clima de cordialidade e cooperación institucional e serviu tamén para repasar outros proxectos de futuro. Un deles é a mellora da rúa Espírito Santo, no que o Concello terá que resolver un problema co saneamento para que a Deputación poida encargarse do asfaltado. “Hai un problema co saneamento e cando estea rematado imos proceder coa mellora da capa de rodadura”, adiantou Luis López.

Ambos os dirixentes expresaron a súa satisfacción ao remate do encontro. “Agradecemos ao presidente por recibirnos e atender con boa predisposición puntos tan importantes como as beirarrúas de Herbello e A Madalena”, declarou a alcaldesa Araceli Gestido. “A reunión transcorreu nun clima de total cordialidade e colaboración. Somos un goberno municipalista, e as alcaldesas son as que mellor entenden as necesidades dos concellos e nesa liña seguimos traballando”, concluíu o presidente.

Galerias de imagenes