A Deputación contrata a plataforma de formación do “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra” por 210.000 euros

O proxecto está a desenvolverse nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña

22/12/2023

A Xunta de Goberno da Deputación acaba de adxudicar por 208.504 euros a implantación e o desenvolvemento dunha plataforma de formación innovadora dentro do proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, cofinanciado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e que se desenvolve nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña.

A empresa encargada de subministrar, instalar, conectar e pór en marcha a mencionada plataforma tamén deberá desenvolver cinco aulas virtuais, unha por cada un dos concellos participantes, así como dotalos do equipamento necesario para retransmitir e gravar os eventos formativos. Ademais, deberá levar a cabo unha diagnose de Administración electrónica dos concellos, para elaborar así un libro branco dos servizos electrónicos municipais e crear unha experiencia formativa interactiva que mostre as capacidades que ofrece a plataforma.

O obxectivo deste proxecto e rematar coa fenda que supón a dixitalización, particularmente entre persoas maiores. Non hai que esquecer que as TIC representan unha oportunidade para mellorar a súa autonomía e calidade de vida, así como un  maior apoderamento na súa relación coa Administración, mantemento de relacións e contactos sociais; acceso á telemedicina e a teleasistencia etc.

Ademais de desenvolver a plataforma, o proxecto tamén contempla a impartición dunha serie de cursos de formación a persoas maiores de 50 anos dos cinco concellos para capacitalos en competencias dixitais, co fin de que poidan tamén xerar contidos audiovisuais e facilitar as súas relacións coas administracións públicas e a alfabetización dixital. Serán sete accións formativas que versarán sobre a Administración electrónica, o Sergas en liña, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos, e para as que as e os participantes aínda poden inscribirse ata o 31 de xaneiro de 2024.