Luis López anuncia que a Deputación investirá máis de 650.000 euros na conservación de firmes en estradas provinciais de Baiona, Mos, Nigrán, Oia, Tui e Vigo

“Seguimos destinando recursos para manter en bo estado as estradas provinciais, para garantir a seguridade dos nosos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida”, remarcou o presidente da Deputación

05/12/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar contratos contemplados no Acordo Marco para a conservación de firmes nas estradas provinciais que permitirán actuar en nove vías de seis concellos da provincia. O investimento ascenderá a preto de 660.000 euros e as actuacións desenvolveranse en preto de 70 dos máis de 1.600 quilómetros da rede viaria provincial. “Seguimos destinando recursos para manter en bo estado as estradas provinciais, para garantir a seguridade dos nosos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida”, explicou o presidente Luis López.

En canto aos traballos que se realizarán, por unha banda, nalgunhas estradas vaise proceder ao fresado do firme para despois repoñer a capa de rodadura e, pola outra, noutras executarase unha capa de microaglomerado en frío. Ademais, procederase á reposición da sinalización horizontal en todas as actuacións nas que sexa necesario.

Este novo contrato inclúe actuacións na EP-2001 O Calvario - A Garrida, en Vigo; a EP-2102 Nigrán - Vincios e a EP-2106 A Ramallosa - Parada, en Nigrán; na EP.2201 Baiona – Bahiña - As Fontes e na EP-2202 Baiona - Loureza, en Baiona; na EP-2603 Puxeiros - Peinador e na EP-2604 Puxeiros – E.P. O Mexoeiro - CUVI, en Mos; na EP-2001 Tui - Rebordáns, en Tui, e na EP-3202 Oia - Torroña, en Oia.