Luis López sinala que o compromiso da Deputación cos creadores do Conecta Lab é un apoio a “embaixadores da provincia”

O presidente provincial participa na presentación deste laboratorio audiovisual que terá lugar este mes na illa de San Simón e ao que o Goberno provincial achega 130.000 euros

17/04/2024

Luis lópez na presentación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o compromiso do Goberno provincial coas e cos creadores que participan no Conecta Lab, a segunda edición da residencia para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, como un apoio a “embaixadores da provincia”. Unha nova mostra da aposta pola promoción da cultura e do audiovisual que tivo lugar este mércores durante a presentación deste programa, que terá lugar a finais deste mes de abril na illa de San Simón. O proxecto, que consiste na estancia durante nove días no arquipélago da ría de Vigo de seis cineastas para desenvolver os seus proxectos audiovisuais baixo a tutela de profesionais de recoñecido prestixio do sector, conta coa achega de máis de 130.000 euros por parte da Deputación. “Estamos nun momento doce no audiovisual, con máis de 200 propostas para participar neste proxecto. Unha mostra do gran talento que temos no audiovisual e tamén da nosa riqueza cultural e natural”, sinalou o presidente sobre o que significa a posta en marcha deste tipo de accións artísticas.

Durante a presentación do programa, que tivo lugar este mércores na lonxa de Cesantes e con vistas a San Simón, o mandatario provincial amosou a súa satisfacción porque a realización deste máster audiovisual na provincia de Pontevedra é froito da colaboración entre administracións. O Goberno provincial, CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización) e a Xunta cooperan na execución deste laboratorio, que forma parte dun programa global chamado “Conecta” e que ten o obxectivo de impulsar e acompañar o proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series das e dos creadores audiovisuais seleccionados para participar no proxecto. Para acadar estes obxectivos, o programa conta cun orzamento total para as súas dúas edicións de 268.000 euros. A Deputación achega un total de 130.000 euros, dos que 91.400 proceden dunha axuda de fondos europeos e 42.500 euros de fondos propios. A cantidade restante achégaa CREA.

“A cultura é un motor importante da economía e do turismo”, resaltou Luis López. Neste sentido, o titular do Goberno provincial repasou iniciativas que a Deputación ten en marcha para fomentar a creación audiovisual na provincia como as axudas para a organización de festivais audiovisuais e de artes escénicas para organizacións sen ánimo de lucro por un importe total de 165.000 euros, o apoio a grandes producións que elixen a provincia como escenario para as súas rodaxes ou os contactos cos profesionais do sector, como a reunión mantida recentemente cos dirixentes da Academia Galega do Audiovisual. Do mesmo xeito, o dirixente provincial fixo fincapé na aposta estratéxica do seu Goberno pola Cultura ao incrementar o orzamento asignado a esta área nun 20 % para acadar os 4,7 millóns de euros ou a posta en marcha de programas coma o “Culturea” ou o “+ Música”.

Outro punto forte deste “Conecta Lab” ten que ver co lugar no que se realiza. “A illa de San Simón é un marco excepcional”, recoñeceu o dirixente, comparando a riqueza histórica deste arquipélago coa finalidade do cinema, que é contar historias.

O presidente da Deputación reiterou o apoio da institución provincial a todos os proxectos que contribúan a difundir a cultura na provincia, animou ás e aos participantes deste laboratorio a “aproveitar estas xornadas” e puxo en valor a transcendencia das súas obras porque “seredes embaixadores da nosa provincia”, concluíu.

Galerias de imagenes