A Deputación clausura “DepoEmprende na Escola” cun mercado na Praza da Peregrina de Pontevedra con preto de 300 alumnos da provincia

A vicepresidenta Luisa Sánchez visitou os postos nos que as 12 cooperativas dos 8 centros de ensino de Cerdedo-Cotobade, Gondomar, Nigrán, O Porriño, Tomiño, Tui e Vigo puxeron á venda os produtos das súas iniciativas emprendedoras

11/06/2024

Clausura de Depo Emprende na Escola

A Deputación de Pontevedra clausurou esta mañá o curso 2023/2024 do programa provincial “DepoEmprende na Escola” cun mercado na Praza de Peregrina de Pontevedra no que participaron 250 nenas e nenos de Educación Primaria e Especial. A vicepresidenta Luisa Sánchez visitou os postos das 12 cooperativas dos 8 centros de ensino participantes, pertencentes a centros escolares de Cerdedo-Cotobade, Gondomar, Nigrán, O Porriño, Tomiño, Tui e Vigo, e fíxolles entrega dos seus diplomas acreditativos.

A vicepresidenta Luisa Sánchez lembrou que con este mercado a rapazada non só pon fin á súa experiencia no programa, senón que “poñedes en práctica un dos últimos pasos da cadea do proceso dunha cooperativa, a venda”. A vicepresidenta sinalou que “unha vez remate toca facer contas, determinar se é viable, analizar formas de atraer novos públicos ou mellorar o que se ofrece”, polo que se amosou segura de que “este proceso ao longo do curso vos fixo valorar aínda máis o traballo e esforzo que fan os pequenos e medianos empresarios nun mundo moi competitivo”. Poñéndose no seu lugar, “ademais de comprender e aprender sobre o funcionamento do mundo, veredes o importante que é apoiar o noso comercio local e de proximidade”. Sánchez tamén defendeu a necesidade de incluír contidos relacionados co emprendemento no currículo oficial educativo e agradeceu o traballo dos centros participantes en “DepoEmprende”.

 Postos dos rapaces na clausura de Depo Emprende na Escola

Os centros que asistiron ao mercado de clausura de “DepoEmprende” son: CEIP Carballedo (Cerdedo-Cotobade), coa cooperativa “As cores de Carballedo 4.0”; CEIP Plurilingüe Chano Piñeiro (Gondomar), coas cooperativas “Huellilandia” e “A nosa chuvia”; Colegio Estudio (Nigrán), coa cooperativa “Galicia Designs”; ACEESCA (O Porriño), coa cooperativa “O Mistral”; CEIP Plurilingüe de Tebra (Tomiño), coas cooperativas “Cosendo desexos” e “Agullas soñadoras”; CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán (Tomiño), coa cooperativa “Flocos tolos”; CEIP Plurilingüe nº1 de Tui, coas cooperativas “Rapazada creativa” e “EcoTui”; e CEP Plurilingüe Igrexa Valadares (Vigo), coas cooperativas “Agüita de coco” e “Pandilla patatilla”.

A Deputación de Pontevedra impulsa “DepoEmprende”, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, na súa liña de apoio ao emprendemento. O programa concrétase na creación de cooperativas escolares nas que o alumnado se encarga de todos os pasos do proceso e, coa venda final, recupera capital e obtén beneficios dos que doa unha parte ás accións sociais ou ONG que as socias e socios elixen por consenso.

 

Galerias de imagenes