A Deputación proxecta este venres o filme “Matria” en Moraña no marco do Ciclo Mestre Mateo
A película poderán verse este venres no Edificio Multiúsos ás 20:00 horas
20/11/2024
O Edificio Multiúsos de Moraña acolle este venres 22 de novembro ás 20:00 horas unha proxección do filme "Matria" ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo. Esta iniciativa, promovida pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, está a achegar aos concellos da provincia as longametraxes e as curtametraxes de ficción e documentais que resultaron finalistas na última edición dos premios do audiovisual galego.
"Matria" é unha cinta dirixida por Álvaro Gago e protagonizada por María Vázquez, Soraya Luaces, E.R. Cunha "Tatán", Susana Sampedro e Santi Prego, entre outros. Dedicada a todas aquelas "mulleres que sosteñen o país na sombra", recolle o espertar dunha traballadora galega (Ramona) que loita polo seu porvir, por medrar persoalmente e romper as barreiras que a asfixian. A muller, que sacrifica todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que talvez haxa algo novo polo que vivir.
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de "Matria", tamén haberá proxeccións de "O Corno", "Fatum", "A viaxe de Lucy", "¡Salta!", "Emoción, vida e teatro, a nave das Marías", "Chichi e mais eu" e "Os espazos en branco", así como sesións de curtametraxes.