Luis López sinala o proceso participativo para facer do Cine Fraga unha referencia cultural como un novo “compromiso cumprido” da Deputación coa cidade de Vigo

As administracións provincial e autonómica recollerán propostas da cidadanía e do sector ata finais de setembro para elaborar de forma conxunta o plan de usos do teatro

23/08/2024

O presidente do ente provincial e o conselleiro de Cultura, Jose López, presentan a campaña

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a alianza entre as administracións provincial e autonómica para devolver a actividade ao Teatro Cine Fraga de Vigo, así como a vontade de escoita de ambos os organismos para recoller as propostas da cidadanía e do sector cultural que permitan converter este emblemático inmoble no centro cultural de referencia do noroeste peninsular. O mandatario provincial, xunto co conselleiro de Cultura, Jose López; presentaron este venres na sede da Deputación en Vigo a campaña “O mellor espazo busca o mellor contido”, unha caixa de correo virtual na que recoller propostas, ideas e suxestións para enriquecer o plan de usos para o Cine Fraga no que xa traballan a Xunta e a Deputación. “Acabouse falar do Fraga como un recordo. Toca falar del en clave de futuro”, afirmou o mandatario provincial.

Este proceso participativo, que estará aberto ata finais de setembro, consiste na apertura dun enderezo electrónico, propostas@teatrofraga.gal, no que a cidadanía viguesa, integrantes do sector cultural ou calquera persoa interesada pode enviar as súas propostas co obxectivo de construír entre toda a sociedade o mellor proxecto cultural para a cidade de Vigo, a provincia e o conxunto de Galicia.

“Dúas décadas sen Teatro Fraga, máis de 20 anos dun emblema á espera dun proxecto solvente eran demasiados. Nese tempo ninguén foi quen de artellar ese proxecto mentres esmorecían as esperanzas dos vigueses de ver reaberto o cine onde viron aquela película ou a sala onde pasaron tantos momentos agradables. Ninguén ata que nós asumimos o reto e puxémonos mans á obra. Primeiro cun acordo de compra asinado con Abanca e, desde logo, coa Xunta de Galicia. E agora toca dar o seguinte paso que, como os anteriores, supón outro exemplo de escoita e seriedade. Acordamos abrir un proceso participativo para que a cultura de Vigo fora protagonista e hoxe vimos cumprir. Unha vez máis, a Deputación vai en serio con Vigo e vai en serio co Cine Fraga”, remarcou Luis López.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e ex deputado provincial, Jose López, lembrou que “hai pouco máis dun mes demos o primeiro paso para recuperar este espazo e agora iniciamos o camiño para establecer en Vigo unha sede permanente de primeiro nivel onde desenvolver actividades de creación e consumo cultural”.

Para facer do Cine Fraga un centro cultural de referencia no noroeste peninsular, ambas as administracións abren un proceso de diálogo coa cidadanía que inclúe, ademais da creación da caixa de correo, a celebración de diversas xuntanzas presenciais con colectivos e representantes do sector cultural e a veciñanza para recoller de xeito directo as súas demandas e debater as propostas achegadas a través do enderezo electrónico. “Escoitamos a cidade cando nos preguntaba para cando un Vigo cultural que volva brillar como merece. E a resposta ten nomes e apelidos ben coñecidos para todos: Teatro Cine Fraga”, subliñou Luis López sobre un proceso que busca facer unha reflexión colectiva sobre o futuro e as oportunidades que se abren coa reapertura do Fraga, un recurso de gran potencial para fortalecer o sector, impulsar a creación e diversificar a oferta cultural.

A Deputación cumpre con Vigo

A posta en marcha do proceso de reapertura do Cine Fraga por parte da Xunta e a Deputación supón un novo compromiso cumprido por parte do goberno provincial coa cidade de Vigo. Neste sentido, Luis López repasou as iniciativas e investimentos realizados na principal cidade de Galicia no último para concluír que “a Deputación vai en serio con Vigo”. Un compromiso que se traduce, segundo lembrou López, en incrementar a presencia e acción da Deputación en Vigo, no que a vicepresidenta Luisa Sánchez ten un papel fundamental; comprometer nun ano investimentos por valor de 26 millóns de euros, participar na reforma da Grada de Gol de Balaídos coa achega de 13,3 millóns ou rescatar 7,8 millóns de euros de fondos públicos que se ían deixar sen executar por vencemento de prazo. E todo cun talante de “escoita, cordialidade e pontes tendidas que son marca Deputación desde que chegamos ao goberno”, rematou o presidente da Deputación.