A Deputación convoca as axudas para que as entidades sen fins de lucro realicen actuacións no ámbito social
A liña está dotada de 500.000 euros, 30.000 euros máis que na anterior convocatoria, cos que se financiarán proxectos que beneficien a persoas de colectivos vulnerables
10/02/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases da convocatoria de axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro para actividades e proxectos de índole social. A liña está dotada de 500.000 euros, un orzamento 30.000 euros superior respecto á convocatoria do ano 2024, e as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Os colectivos teñen un mes de prazo para solicitar as achegas a partir de mañá martes 11 de febreiro.
A Deputación financiará proxectos, programas e actividades de promoción e inserción social, de prestación de servizos sociais e que persigan un interese social na procura da mellora da calidade de vida das persoas que pertenzan a colectivos que se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas. As entidades deberán entregar un proxecto no que se detallen os obxectivos, o ámbito de actuación e número de persoas beneficiarias, a metodoloxía empregada para desenvolver o proxecto, o cronograma de actuación, unha relación dos recursos humanos, materiais e financeiros que garantan a súa viabilidade, unha avaliación do impacto social estimado e un plan de difusión.
As entidades que resulten beneficiarias recibirán un máximo de 7.000 euros ou o 80% do orzamento, e teranse en conta criterios relacionados tanto coa entidade como co proxecto obxecto da axuda. O ano pasado recibiron os recursos un total de 114 entidades sociais de 23 concellos da provincia para financiar proxectos de envellecemento activo, de asesoramento, apoio a persoas en risco de exclusión social ou ás familias ou para a atención a persoas con discapacidade.