A Deputación ultima o prazo para que os clubs deportivos soliciten axudas para participar en competicións oficiais de ámbito estatal
O xoves 22 de agosto será o último día para solicitar os 900.000 euros de orzamento desta liña de achegas, que se outorgarán por concorrencia competitiva
14/08/2024
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo xoves, 22 de agosto, o prazo para que os clubs deportivos da provincia que participen con algún equipo ou deportista en competicións oficias de ámbito estatal poidan solicitar axudas. Trátase dunha liña de achegas dotada con 900.000 euros, 50.000 € máis que o pasado ano, para apoiar aos clubs e federacións de todas as disciplinas e modalidades deportivas. As solicitudes deberán realizarse a través da sede electrónica da Deputación, onde atoparán unha ligazón ás bases da convocatoria publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
O importe máximo da subvención sitúase entre os 5.500 e os 35.000 €, dependendo da modalidade deportiva e a competición oficial na que participe, e, en todo caso, as axudas, que se outorgarán por concorrencia competitiva, non poderán superar o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos subvencionables atópanse os federativos, de competición e adestramento, os de persoal, os de material deportivo e os sanitarios. E os recursos distribuiranse en función de tres niveis de competicións e categorías.
Deste xeito, en canto á clasificación das competicións (que deben estar incluídas nos calendarios oficiais aprobados polas diferentes federacións para a tempada 2023/2024 ou par ao 2024), están as de nivel 1, nas que se engloban modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en forma de ligas por equipos (con 5 o máis deportistas na competición), con xornadas de ida e volta e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Dentro deste nivel sitúanse a LEB Oro e Liga Feminina Challenge (baloncesto), a 2ª RFEF Feminina (fútbol), a 2ª división nacional masculina (fútbol sala), a OK Liga feminina e masculina (hóckey sobre patines) e a Superliga feminina e masculina (voleibol), que recibirán un máximo de 35.000 €.
Por outra parte, recibirán 25.000 euros a LEB Prata e Liga Feminina 2 (baloncesto), a División de prata masculina e División de honra oro feminino (balonmán), a 3ª RFEF masculina e feminina (fútbol); a 2ª división nacional B masculina e 2ª división nacional feminina (fútbol sala), a OK Liga prata feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Spanish Baseball League (béisbol), a Spanish Softball League (sóftbol), a División de honra feminina e masculina (rugby), a Superliga 2 feminina e masculina (voleibol) e a división de honra feminina e masculina (wáter-polo). Todas elas tamén de nivel 1.
E por último, tamén no nivel 1, terán unha subvención máxima de 15.000 € os clubs cun equipo na EBA e 1ª nacional feminina (baloncesto), a 1ª división masculina e División de honra prata feminina (balonmán), a Liga nacional de béisbol 1ª división (béisbol), a División de honra xuvenil (fútbol) a 3ª división nacional masculina (fútbol sala), o OK Liga bronce feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Liga nacional de sóftbol masculino 1ª división (sóftbol), a División de honra B feminina e masculina (rugby), a 1ª división feminina e masculina (voleibol). Neste nivel 1 de competicións, para os clubs que conten cun segundo equipo de categoría estatal incrementarase o límite establecido en 5.000 €
No que respecta ao segundo nivel de competicións inclúense aquelas modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato liga por equipos, pero con 4 deportistas ou menos no espazo de competición, e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Neste caso, hai competicións que reciben un máximo de 10.000 euros, que son Primeira oro/Primeira prata (bádminton), División de honra (Billar), División de honra feminina e masculina (bowling), División de ouro -espada, sable ou florete- (esgrima), División de honra feminina e masculina (Tenis de mesa) e 1ª división da Liga Iberdrola GR e 2ª división da Liga Iberdrola GR. Ademais, poderán conseguir unha achega máxima de 5.000 euros os clubs que participen na Liga de clubs de primeira división feminina e masculina (atletismo), Primeira bronce (bádminton), 1ª división (billar), 1ª división masculina (bowling), División de prata –espada, sable ou florete- (esgrima), 1ª división de orientación a pé (orientación), 1ª división feminina e masculina (técnicas de mesa), Liga nacional de voleibol praia (voleibol praia) e ximnasia (3ª división da Liga Iberdrola GR).
Por último, hai un terceiro nivel no que se engloban as modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato de ranking ou clasificación individual ou por equipos e que estean incluídas nun calendario oficial da tempada da que resulte a clasificación final. Neste caso, os clubs de ciclismo que participen na Copa de España en ruta elite/sub-23 recibirán unha achega máxima de 20.000 euros, e os que o fagan en elite/sub-23 na modalidade de estrada, BTT, XCO ou XCM ou ciclocrós, 10.000 €.