A Deputación destina 900.000 euros para 80 clubs deportivos de 25 concellos da provincia que participan en competicións oficiais de ámbito estatal
O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 900 e os 30.000 euros para subvencionar gastos federativos así como de competicións e adestramento, de persoal, de material deportivo e sanitarios
24/10/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de 900.000 euros para 80 clubs deportivos de 25 concellos da provincia que participan en competicións oficiais de ámbito estatal. En total, as axudas oscilan entre os 900 e os 30.000 euros e permitiranlles ás entidades deportivas subvencionar gastos federativos así como de competicións e adestramento, de persoal deportivo e sanitarios.
“Sentímonos moi orgullosos desta liña de axudas que foi renovada este ano para corrixir os desequilibrios que se viñan dando en convocatorias anteriores –explicou o presidente provincial, Luis López-. O obxectivo principal era distribuír os recursos dun xeito máis equitativo e coido que o temos conseguido”. Ademais, López lembrou a importancia de “apoiar a estas entidades como merecen, xa que os nosos deportistas nos referencian no mundo e os nosos clubs traballan a diario para facer realidade todos estes logros”.
En concreto, benefícianse destas axudas clubs deportivos de todas as comarcas da provincia e de disciplinas como fútbol sala, balonmán, tenis de mesa, fútbol, ciclismo, natación, baloncesto, surf, tiro con arco, hóckey, orientación, esgrima, waterpolo, patinaxe, squash ou, entre outros, atletismo. Así, da contorna de Vigo e do sur da provincia beneficiaranse destas subvencións 51 clubs con máis de 525.000 euros; da contorna de Pontevedra, 12 clubs recibirán preto de 142.000 euros; da comarca do Morrazo, 3 clubs contarán con 55.000 euros; da contorna do Salnés e Arousa, 9 clubs beneficiaranse de preto de 120.000 euros das axudas provinciais; e das comarcas de Deza e Terra de Montes, 5 clubs recibirán máis de 58.000 euros.