A Deputación recomenda manter a vixilancia para previr o avance do mildio e outras enfermidades das viñas

Lembra ademais que o esfollado, se ben é unha práctica recomendable para favorecer a aireación dos acios, debe facerse de maneira moderada e controlada

19/07/2024

Acios afectados de larvado

A Deputación de Pontevedra recomenda unha semana máis no seu aviso fitosanitario manter a vixilancia das viñas ante o mildio, sobre todo naquelas que xa presentan mildio larvado, é dicir, as que estiveron ou están peor mantidas a nivel de vexetación e as máis debilitadas. Ademais, os técnicos de Areeiro lembran que o esfollado, que se está a realizar nestes momentos e é unha práctica moi recomendable nas Rías Baixas para favorecer a aireación dos acios, debe levarse a cabo de maneira moderada xa que, de non ser así, os acios poden non ter de onde alimentarse para continuar crecendo e/ou quedar demasiado expostos ao sol.

No relativo ao oídio, esta semana tampouco se observaron síntomas nas plantas tratadas, nin sequera de variedades sensibles, pero si nas follas das plantas testemuña sen tratamento de Areeiro. En principio, este fungo afecta menos ás uvas a partir do peche do acio, pero ten a capacidade de facelo ata o pintado, e por iso debe manterse a vixilancia. Ademais, os síntomas de black rot que os técnicos atoparon  a pasada semana nunha planta do Condado non avanzaron a outros acios nin se atoparon noutras plantas.

En canto á flavescencia dourada, as choivas da fin de semana lavaron os insecticidas que anteriormente se tiñan aplicado e, dado que están a nacer os adultos de Scaphoideus titanus, o cidadelido transmisor da enfermidade, na zona demarcada establecida pola administración autonómica recoméndase renovar as aplicacións. Hai que ter en conta que a flavescencia dourada é unha enfermidade de corentena cuxo control é obrigatorio, e este hai que facelo, en pleno campo, mediante o control do vector, o arranque das cepas enfermas e tamén a eliminación das viñas abandonadas.

Areeiro tamén recomenda manter a vixilancia ante a posible aparición de avelaíña da uva e, debido ás altas temperaturas dos primeiros días do mes e o cambio producido despois na climatoloxía, notouse un importante no número de plantas que manifestan síntomas de alteracións de madeira e os primeiros acios con golpes de sol.

Outros cultivos

Máis alá das viñas, en Areeiro superaron o limiar de tolerancia no relativo ao número de exemplares de avelaíña da maceira recollidos nas trampas, polo que recomendan mantelas protexidas de xeito continuo. Nestes momentos, ademais, hai que prestar atención ao prazo de seguridade dos insecticidas empregados no caso das variedades temperás. Por outra parte, as choivas deste último e a subseguinte humidade elevada están a provocar que parte da pouca froita que hai estea a podrecer na árbore e a caer no solo. Esta froita debe ser eliminada, non só para evitar que o resto poida ser infectado senón tamén para reducir o inóculo dos patóxenos de podremia para a seguinte campaña.

En canto ás froiteiras de óso, tamén se ven afectadas pola monilia e a botrite, e moitas ameixas, pexegos e outro tipo de froitas que están sendo recollidos ou próximos a facelo, abriron coas choivas, e a partir das gretas resultantes está a haber podres que poden botar por terra a colleita, polo que hai que retiralos o antes posible. Ademais, esta semana en Areeiro recolleron o primeiro individuo da mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa) polo que recomendan eliminar os froitos caídos ao solo para evitar que as larvas da mosca se enterren para pupar.

No relativo ás castiñeiros, ao estar xa formándose os ourizos convén revisalos e retirar aqueles que estean a coller un ton marrón, así coma os caídos ao solo. Hai que ter en conta que este ton amarronado e a súa caída prematura pode ser debido ao tortrícido precoz ou ao fungo gnomoniopsis e, no segundo caso, pode aplicarse algún funxicida cúprico autorizado.  Para ambas pragas do castiñeiro resulta recomendable estender baixo as árbores unha malla ou plástico na proxección da copa, pois é máis cómodo retirar os ourizos e restos caídos e así tamén se evita que poidan quedar no chan fontes de contaminación para a campaña seguinte.

Por último, desde a Estación Fitopatolóxica Areeiro recomendan incrementar a vixilancia ante a aparición de machos de Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) e o incremento de danos nas sebes onde se atopan eirugas, en especial se mellora a climatoloxía.

 

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.