A Deputación ten previsto rematar as obras na estrada provincial que dá acceso á Virxe da Rocha de Baiona en xullo, para que en agosto estea totalmente operativa

A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, e o alcalde de Baiona e tamén deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, visitaron as obras que se están rematando para mellorar a mobilidade na EP-2202 Baiona-Loureza

04/07/2024

Obras na estrada de acceso á Virxe da Rocha

A Deputación de Pontevedra ten previsto rematar as obras na estrada provincial que dá acceso á Virxe da Rocha de Baiona en xullo, para que en agosto estea totalmente operativa. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou esta mañá xunto co alcalde de Baiona e tamén deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, estas obras de  mellora da mobilidade urbana na EP-2202 Baiona-Loureza que están a piques de rematar e nas que a institución provincial investiu preto de 120.000 euros.

A actuación centrouse no punto quilométrico 0+400 da estrada provincial na que se está a rematar a execución dun muro de contención con recheo no trasdós, eliminando a estrutura de aceiro e pasarela de madeira existentes que se atopaban en moi mal estado. O muro era preciso para asentar a base dun tramo de senda en formigón de preto de 60 metros que tamén se está rematando. Ademais, a actuación contempla a execución dunha escaleira.

Durante a visita á estrada provincial EP-2202 Baiona-Loureza,  tanto a deputada provincial como o alcalde da vila agradeceron á Comunidade de Montes Veciñais de Santa María de Afora a súa boa disposición en todo o momento e a colaboración na cesión dos terreos para levar a cabo a obra.