Luis López sinala o apoio de récord da Deputación ás cooperativas agrogandeiras como mostra do peso do sector primario para o desenvolvemento da provincia

O presidente provincial lembra o incremento de 100.000 euros, ata os 350.000 euros, dos fondos das subvencións para o vindeiro ano 2025 nun encontro con cooperativistas en Rodeiro con motivo da organización dos Outonos Cooperativos

15/11/2024

Apoio de récord da Deputación ás cooperativas agrogandeiras

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o compromiso co sector primario e o rural da provincia a través do reforzo de programas de colaboración coma a suba de 100,000 euros das axudas a cooperativas agrogandeiros da provincia que acadarán no ano 2025 a cifra récord de 350.000 euros. Unha cooperación constante que o mandatario á que fixo referencia o mandatario provincial durante a súa participación na xornada Outonos Cooperativos que se celebrou este venres na sede da Cooperativa O Rodo en Rodeiro. “O sector primario é un dos máis importantes motores económicos da provincia e unha valiosa fonte de emprego que conta cuns profesionais concienciados co coidado do medio ambiente, coa produción de produtos de calidade e implicados na modernización das instalacións para ser máis competitivos e eficientes”, destacou o presidente Luis López.

Promovidos pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social  da Xunta de Galicia, os Outonos Cooperativos consisten nunha xornada que pon en valor o labor das cooperativas do ámbito rural. Nesta edición, a entidade escollida foi a Sociedade Cooperativa Galega, O Rodo, que puxo a súa sede á disposición para organizar unha visita guiada e acoller uns faladoiros sobre experiencias cooperativistas da man de representantes de Cogal, Abeluria, Educalecrín e O Rodo. O acto redondeouse cunha demostración de cociña e unha actuación musical.

No seu concello de nacemento e no que foi alcalde durante unha década, o presidente provincial recoñeceu o labor dos traballadores deste sector. “Eu crecín neste Concello, Rodeiro é a miña casa; crieime no campo, sei ben o que supón atender cada día as vacas; e coñezo de primeira man, por experiencia persoal e profesional, as necesidades e a importancia que tedes neste sector”, remarcou o dirixente. Por este motivo, salientou a importancia e a necesidade de reforzar as liñas de apoio da Deputación coas cooperativas que se traduce nunha liña de subvencións que o vindeiro ano será de 350.000 euros e se complementa con outras medidas de asistencia como a colaboración con eventos estratéxicos como as feiras Semana Verde ou Feira Deza, o coñecemento do laboratorio da Finca Mouriscade ou a “disposición permanente” para escoitar as necesidades do sector.

Finalmente, e despois de agradecer o convite para asistir a esta edición dos Outonos Cooperativos, o presidente provincial subliñou a importancia estratéxica do sector primario no Deza para facer frontes a desafíos como o reto demográfico ou a sustentabilidade e reafirmou o compromiso do goberno provincial co medio rural da comarca do Deza e de todo o territorio.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.