Luis López sinala que a alianza entre Deputación e o CEIDA situará o programa “Ponte a zero” como ferramenta clave para sensibilizar a mocidade na reciclaxe

O organismo provincial achega 150.000 euros para executar un proxecto de educación ambiental que se desenvolverá nos centros educativos da provincia ao longo deste 2024

08/04/2024

Luis López na sinatura do convenio

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este luns o convenio de colaboración entre a Deputación e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) para poñer en marcha o programa “Ponte a zero”, un proxecto que ten como obxectivo educar e sensibilizar a poboación en idade escolar sobre a necesidade de reducir e realizar unha correcta xestión dos residuos. “Seguimos dando pasos cara adiante para lograr os obxectivos en reciclaxe. As cifras din que temos moito que mellorar e temos marxe para facelo”, afirmou o mandatario provincial.

Cunha achega de 150.000 euros por parte da organismo provincial, o programa levarase a cabo nos centros educativos da provincia, tanto para o alumnado de educación infantil, como de primaria e secundaria. A través de diversas actividades, que inclúen exposicións, obradoiros e actividades lúdicas e educativas, o estudantado e o profesorado tomará conciencia da problemática dos residuos e do seu tratamento, así como das ferramentas para minimizar o seu impacto, promover a separación dos mesmos e o fomento de actitudes cívicas co medio natural.

O programa, que xa lle fora presentado á comunidade educativa o pasado mes de novembro cunha visita do titular da Deputación ao CEIP Serra Vincios de Gondomar, desenvolverase ao longo deste presente ano 2024 e supón unha nova mostra do compromiso da Deputación co coidado do medio e cunha axeitada xestión dos residuos. De feito, o Goberno provincial xa ten en marcha, en colaboración cos concellos, un programa de inspección e información sobre a separación do lixo nos establecementos comerciais e hostaleiros. “A Deputación vai seguir traballando para conseguir os seus obxectivos”, destacou o presidente en referencia á xestión dos residuos.

Finalmente, o mandatario provincial reiterou a vontade da Deputación de seguir colaborando co CEIDA neste eido e fixo fincapé na importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas en centros educativos para conseguir unha mocidade máis informada e concienciada coa sostibilidade.

Galerias de imagenes