A vicepresidenta Luisa Sánchez participa en Salvaterra de Miño no acto de saída do XX Rallye Sur do Condado

13/07/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este venres en Salvaterra de Miño no acto de saída da XX edición do Rallye Sur do Condado organizado por Escudería Surco. Co apoio da institución provincial, a proba reúne este fin de semana no sur da provincia a máis de 100 pilotos. A vicepresidenta provincial sinalou que “estou convencida de que será todo un éxito” e amosou o seu desexo de ver como miden as súas forzas Víctor Senra, que suma catro vitorias consecutivas, e o seu eterno rival Alberto Meira, segundo na pasada edición.

A vicepresidenta tamén remarcou a forte vinculación que une a Deputación coa proba a través do programa provincial “+Talento Motor”, impulsado en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo. “Casualidade ou non, coincide que o gañador, Yago Martínez Diz, é de Salvaterra, e que o segundo e terceiro finalistas, Iago García e Eliot Gómez, pertencen á Escudería Surco”, sinalou. Grazas á súa vitoria, Martínez participará nos cinco rallys do campionato galego, entre os que se atopa o Rallye Sur do Condado.