A Deputación destina 100.000 euros, 10.000 euros máis que no 2024, para que entidades sen ánimo de lucro poidan editar obras en galego
Poderán recibir entre 3.500 € e 10.000 € para financiar a edición de publicacións, libros e audiovisuais que teñen a finalidade de difundir traballos de interese cultural
31/01/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases das axudas para apoiar edicións en papel, audiovisuais, mixtas ou noutros formados que estean promovidas por entidades sen ánimo de lucro neste 2025. En concreto, o presidente provincial, Luis López, anunciou que esta liña de axudas está dotada con 100.000 euros, 10.000 máis que pasado ano, cando se financiaron un total de 28 obras. “Queremos fomentar a edición de publicacións en galego, con interese social e cultural para a provincia e que, sen dúbida, beneficiarán ao conxunto da nosa sociedade”, asegurou López.
As achegas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a obras editadas en galego que teñan a finalidade de difundir traballos de interese cultural. Deste xeito, os traballos subvencionados, de carácter divulgativo, deberán tratar aspectos relacionados coa provincia, co seu patrimonio material, inmaterial ou artístico, ou con persoas e colectivos relevantes desta. Ademais, deberán estar editados en galego normativo e non poderán ser distribuídos como suplemento doutra publicación.
O importe máximo da subvención para cada edición non superará o 70 % do orzamento total e, en calquera caso, os 3.500 euros no caso de publicacións en papel, os 6.000 euros no caso de edicións en formato audiovisual e mixta (que inclúan publicacións en papel e en audiovisual) e 19.000 euros no caso de formatos especiais de edicións para persoas con diversidade auditiva, visual ou cognitiva. Á hora de conceder as axudas valorarase a calidade técnica da proposta e a achega da publicación ao desenvolvemento, á normalización e promoción da lingua galega, ao fomento do patrimonio galego, á recuperación da memoria histórica, á igualdade de xénero, á diversidade funcional e á conservación do medio.